As Redeiras de Atalaia da Guarda no 'Arte de man' de Allariz

A presenza destas artesás, que exportan as súas artes a varios países, será un dos atractivos deste mercado de artesanía. A mostra contará cuns 20 postos e será o vindeiro día 12 de setembro na rúa Santo Estevo do casco histórico.

Por X.M. Fernández | Allariz | 09/09/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Este ano 2021, Arte de Man estreará nova localización dentro do casco histórico de Allariz. O novo escaparate deste Mercado de Artesanía, que terá lugar o domingo 12 de setembro, será a rúa Santo Estevo.

Eva Sampedro, técnica de Promoción Económica e María López concelleira de Promoción Económica do Concello de Allariz. Foto: Prensa Allariz
Eva Sampedro, técnica de Promoción Económica e María López concelleira de Promoción Económica do Concello de Allariz. Foto: Prensa Allariz

O cambio de localización vén dado, segundo fontes do Concello de Allariz, pola situación actual da pandemia. Manterase a súa esencia de celebrarse nas rúas de Allariz mais cambiando de emprazamento cara a zona da Igrexa de Santo Estevo. A cita, reunirá a artesás galegos/as --locais e do resto da comunidade galega-- en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 h.  

Arte de Man ofertará exposición e venda de distintas disciplinas artesás, tradicionais e innovadoras, como son: a cerámica, pintura, debuxo e gravado, escultura, xoiería e bixutería, téxtil, coiro e madeira, entre outros. Durante a xornada dominical tamén se poderá gozar de música en directo.

María López, concelleira de Promoción Económica, salientou na presentación do evento que “a artesanía forma parte da nosa identidade e do noso patrimonio cultural e tamén artístico. Arte de Man é sempre unha oportunidade para por en valor e dar a coñecer aos nosos artesáns e diferenciarnos cun produto creado seguindo as pautas tradicionais pero innovando no deseño”.

PRESENZA DAS REDEIRAS DE ATALAIA DA GUARDA

Mostra de pezas de artesanía da Asoc. de Redeiras Atalaia. Foto: Redeiras Atalaia
Mostra de pezas de artesanía da Asoc. de Redeiras Atalaia. Foto: Redeiras Atalaia

Este ano como novidade haberá unha demostración das Redeiras de Atalaia da Guarda que amosarán como a partir das redes de pesca se pode crear artesanía. Estas artesás, que combinan profesionalidade e innovación, exportan as súas artes a varios países.

A Asociación de redeiras do Baixo Miño Atalaia, especializadas en armar redes de baixura, aproveitan o seu saber facer para aplicalo á artesanía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta