Uns 60 expertos de 10 países participarán en Ourense nun congreso e un simposio sobre termalismo

A cidade acollerá o II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde e o IV Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 08/09/2021 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

Uns 60 expertos de 10 países reuniranse en Ourense con motivo do Congreso Internacional sobre Auga e Saúde organizado por Termatalia e no que este ano se integra o IV Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida organizado polo Campus Auga da Universidade de Vigo.

O obxectivo da programación, que foi presentada este mércores en Expourense, é citar á comunidade termal para analizar os desafíos do termalismo na era post-Covid e presentar as investigacións actuais neste ámbito, as augas mineiro-medicinais e fomentar o negocio do turismo de saúde a nivel internacional.

Por primeira vez conflúen ambos os eventos nun único programa no que se alternan durante tres xornadas, entre o 15 e o 17 de setembro, actividades transversais con outras máis específicas. Así, citarán á comunidade científica investigadora internacional de 10 países: Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Colombia, España, Francia, Grecia, Portugal e Tailandia mediante a representación de 60 expertos.

O primeiro día, a actividade centrarase no papel dos balnearios e a recuperación da saúde tras a pandemia nunha xornada promovida pola cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela.

Así mesmo, o xoves 16 o simposio centrarase no patrimonio termal na sesión de mañá e o turismo na sesión de tarde, achegando novas estratexias de promoción turística dos destinos termais e de benestar, así como o cambio das necesidades e preferencias do novo consumidor tras a pandemia.

A última xornada, a do día 17, estará dedicada á relación entre saúde e benestar e á análise das tendencias da industria. O programa inclúe a presentación de novas iniciativas activas ao redor do termalismo como o proxecto "Un descanso nos camiños", impulsado desde o Cluster de Turismo de Galicia.

A inxesta de augas minerais e a análise dos desafíos actuais do termalismo serán os temas que pechen o evento, que concluirá coa entrega dos premios da 18ª Cata Internacional de Augas de Termatalia e o recoñecemento ás comunicacións científicas presentadas no evento.
Ademais, as actividades vinculadas ao Congreso Termatalia rematarán cun evento de cociña organizado polo GDR-12 Ribeiro-Carballiño que correrá a cargo do chef Domingo González "Camiño ilusionante".

Piscina Termal As Burgas, Ourense
Piscina Termal As Burgas, Ourense | Fonte: Farrangallo - Wikipedia.

Á presentación, asistiu a concelleira de termalismo do Concello de Ourense, Flora Moure, que trasladou que o congreso "pecha" un verán onde "se ha visto que o turismo volve aos poucos ás cidades pero con demandas renovadas e dando protagonismo a diferentes destinos".

Neste sentido, destacou que a recuperación da pandemia "supón unha oportunidade para reactivar o interese científico polas capacidades terapéuticas do termalismo".

Ademais, Moure fixo mención á nova Lei de usos lúdicos de augas termais da Xunta de Galicia ao subliñar que "é un importante desafío para a cidade de Ourense, pero tamén unha importante oportunidade para consolidar un recurso dedicado a ofrecer mellores infraestructuras de baño e unha experiencia única para os bañistas". "Grazas a iniciativas como estas seguimos avanzando neste camiño conxunto e ilusionante que é o desenvolvemento termal", manifestou Moure.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, aseverou que o termalismo "encaixa perfectamente no modelo de Turismo seguro, de calidade e sustentable" polo que aposta o Goberno autonómico a través do Plan Galicia Destino Seguro 2021-2023 trasladando que precisamente o plan foi "o que permitiu que a comunidade recibise en xullo un 80% máis de viaxeiros que en 2020 e que se sitúe 20 puntos por enriba da media nacional en comparación con 2019".

Ademais, destacou que o termalismo supón un recurso para diversificar e desestacionalizar a oferta turística e pediu que "se siga consolidando este produto estratéxico para que Galicia se manteña como referente nacional e internacional".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta