Concentracións en hospitais de toda Galicia para reclamar á Xunta os soldos "roubados"

Sanitarios de todas as áreas esixen contar cos mesmos complementos que o resto de funcionarios. Aseguran que cobran entre 200 e 400€ menos que lles corresponderían.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2021 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

Persoal do Sergas concentrouse este xoves en todas as áreas sanitarias, convocados pola CIG, para reclamar, de novo, un calendario que fixe a devolución dos "soldos roubados", á vez que piden un "plan de ordenación" do cadro de traballadores.

A mobilización principal desenvolveuse ás portas do Hospital Clínico de Santiago, pero tamén houbo protestas na contorna do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), o Arquitecto Marcide de Ferrol, o Lucus Augusti de Lugo, o Montecelo en Pontevedra, a sede do Sergas na rúa García Barbón de Vigo e nos centros hospitalarios de Monforte, A Mariña, Valdeorras e Barbanza.

"Son unhas mobilizacións para reclamar os soldos que Feijóo nos segue roubando desde que chegou á Xunta", deixou claro a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín. O sindicato argumenta que son o sector da administración coas "retribucións máis baixas polo complemento específico", no que se inclúen aspectos de competencia autonómica como "formación, dedicación ou prestación de servizos". Cuantifican unha diferenza salarial "entre 200 e 400 euros" con respecto ás retribucións de calquera outro persoal da administración. "Non ten ningún sentido", queixouse Abuín.

"No ano 2008 publícase un acordo no DOG pola progresiva equiparación desas retribucións. Posteriormente conxeláronse.Noutros casos fóronse recuperando a partir do 2015, pero a nós negóullenos unha mesa de negociación", explicou María Xosé Abuín, quen remarcou que ofrecen "a maior flexibilidade posible".

PLAN DE ORDENACIÓN DE PERSOAL

Xunto a isto, CIG-Saúde tamén demandaron "outro plan de ordenación do cadro de persoal" para poder identificar necesidades a "curto, medio e longo prazo". "Levámolo pedindo desde 2012 ante o incremento da media de idade dos profesionais", sinala. "A situación actual na Atención Primaria vén derivada desa falta de previsión. Con aqueles datos víase que a maioría do persoal estaba nun cinco ou seis anos nunha media de 65", explicaron.

Ademais, Abuín avanzou que as mobilizacións van continuar de "dúas maneiras". Un xoves as manifestacións realizaranse nos centros sanitarios e, ao seguinte, diante da Consellería de Sanidade ata "conseguir que fagan fronte a esta situación".

Concentración ante os hospitais galegos convocada pola CIG para reclamar a recuperación dos 'sueldoso roubados'. CIG
Concentración ante os hospitais galegos convocada pola CIG para reclamar a recuperación dos 'sueldoso roubados'. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta