Román Rodríguez traslada ao comité educativo "o salto cualitativo" deste inicio de curso respecto ao pasado ano

Destaca a "normalidade" do arranque de infantil e primaria e a "confianza" das familias na seguridade dos centros

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2021 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu este venres a reunión do comité educativo, na que destacou a "normalidade" do inicio de curso en infantil e primaria e o "salto cualitativo" experimentado respecto ao pasado exercicio.

Esta "valoración positiva", trasladou o conselleiro, baséase principalmente na "confianza das familias" cara ao sistema educativo e nos centros "como espazos seguros", ademais de no traballo previo de organización por parte da comunidade escolar. Neste sentido, Rodríguez contrapuxo as "certezas" deste novo período fronte á incerteza do inicio do pasado curso debido á primeira implantación dos protocolos de seguridade e á plena vixencia da pandemia.

Educación busca que estas normas que aínda prevalecerán "nos primeiros compases do curso" poidan ser revisadas en función da evolución da situación sanitaria, co fin de lograr que este ano sexa "de transición" cara a unha maior normalidade e permita "avanzar progresivamente".

Entre as principais novidades atópase a xestión das corentenas en caso de contactos con positivos, posto que alumnado vacinado non terá que permanecer no seu domicilio e poderá estar presencialmente nos centros.

Román Rodríguez tamén trasladou o reforzo do Fondo de Reserva de Garantía Educativa con 10 millóns de euros, unha partida que se incrementa nun 40% para cubrir os sobrecustos de adaptación dos centros á covid e atender as posibles continxencias derivadas da saída da pandemia e unha hipotética desescalada.

Tamén informou da posta en marcha do Plan Dixital de Centro, unha iniciativa enmarcada na Estratexia Educación Dixital 2030 coa que se avanza na transformación tecnolóxica das aulas para a próxima década, entre outras cuestións.

FP OURENSE

A preguntas dos medios tras a presentación do HUB Audiovisual en Santiago, Rodríguez referiuse a a situación da FP, ao ser cuestionado pola posibilidade de que exista unha maior oferta que demanda no caso da provincia de Ourense.

Respecto diso, lembrou o incremento en case un 10% de matricula respecto ao ano anterior no mes de xuño e que aínda hai que pechar este proceso, ademais de garantir que de momento "a demanda está a responder". É por iso que, no caso concreto de Ourense, ve "moi posible un avance" e lograr unhas cifras "satisfactoriamente mellores".

Román Rodríguez reúnese co Comité Educativo. XUNTA
Román Rodríguez reúnese co Comité Educativo. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta