O BNG presenta dez propostas para recuperar as oportunidades laborais e sociais en Ferrolterra

Pontón reclamou a "implicación real" de todas as administracións na revitalización da comarca.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2021 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou un decálogo con dez propostas para impulsar a situación laboral e social nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e que están centradas "na recuperación industrial, unha transición enerxética xusta e a rexeneración da ría".

"Estamos ante un momento decisivo, de grandes cambios, transformacións e oportunidades e hai que pór a Ferrol no mapa, un territorio que ten futuro e para o que é necesario un compromiso político real", insistiu, para reclamar a "implicación real" de todas as administracións.

Así o trasladou este venres nun acto na praza de Armas da cidade de Ferrol, no que estivo acompañada, entre outros, polos integrantes do grupo parlamentario e de alcaldes e portavoces destas comarcas.

Pontón situou o sector naval, o potencial enerxético, o patrimonio cultural e natural, e a materialización de infraestruturas, como "os alicerces básicos para poder porse en pé desta crise e mirar con optimismo o futuro".

Para iso, cre fundamental o apoio de todos os gobernos, desde os locais, ao autonómico e nacional, e que "se defenda o mesmo en todos os foros políticos, tal e como fai o BNG, que vota o mesmo en Ferrol, en Santiago, en Madrid e en Bruxelas".

PROPOSTAS

Entre as propostas concretas o BNG apostou por un "complexo integral da construción naval, con diversificación e recuperación de actividades", garantindo a participación maioritaria de Navantia, e coa eólica mariña no estaleiro de Fene como centro de referencia.

Tamén unha transición enerxética xusta, en relación ao peche da central térmica de Endesa nas Pontes, onde Pontón apostou polo impulso e financiamento de proxectos industriais e a autorización de novos parques eólicos vinculados a proxectos "que xeren riqueza e emprego", ademais da construción dun centro de I+D+i nesta localidade.

En canto á ría de Ferrol detallou que "representa un claro exemplo da falta de estratexia e compromiso político", incidindo no seu colapso e cunha produción "que apenas supón un 10% da que existía fai dez anos".

Outras peticións refírense á recuperación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico e histórico, o coidado do medio ambiente, a conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña, con inclusión da liña no Eixo Atlántico, ademais da mellora do trazado no ancho métrico (FEVE) Ferrol-Ribadeo. Ademais propón a incorporación do porto de Ferrol á rede básica europea de transporte, un plan de reforzo na Atención primaria e a dotación de prazas públicas nas residencias de maiores.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, en Ferrol. BNG
A portavoz do BNG, Ana Pontón, en Ferrol. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta