Xunta e Estado acordan agora negociar sobre a Lei de Cambio Climático e as concesións en liña de costa

O Goberno galego ve "un paso de boa vontade" a apertura do diálogo para "aclarar a inseguridade xurídica" do artigo 20.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2021 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

A comisión bilateral Xunta-Estado acordou iniciar negociacións para resolver as discrepancias que hai ao redor da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, concretamente sobre os prazos das concesións situadas no dominio público marítimo-terrestre.

Así o recolle a resolución publicada este luns por partida dobre, tanto no Diario Oficial de Galicia (DOG) como no Boletín Oficial do Estado (BOE), e que establece unha fase de diálogo para evitar unha eventual interposición dun recurso de inconstitucionalidade do que avisou hai meses o Goberno galego.

De feito, o texto do acordo, que aparece asinado polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e pola ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, será comunicado ao Tribunal Constitucional.

O inicio do diálogo entre ambas as administracións é un paso que a Xunta considera "positivo", segundo expón nun comunicado, porque "se poderán debater co Goberno central determinadas discrepancias no artigo 20 e a disposición derogatoria única".

En concreto, a redacción do artigo 20 --antes era o 18-- da mencionada lei, que foi aprobada a mediados de maio, foi o principal obxecto de discrepancia entre ambas as administracións durante a tramitación lexislativa, ao establecer, conforme á Lei de Costas de 1988 e á Lei de Patrimonio das Administracións Públicas de 2003, que as concesións na liña de costa terían un máximo de 75 anos, incluídas prórrogas.

Este mesmo artigo tamén establece que son "nulos de pleno dereito" os actos administrativos que incumpran este prazo máximo. Esta redacción foi obxecto dunha emenda presentada polo PSOE no seu trámite no Senado, para precisar que só serían nulos aqueles actos ditados despois da entrada en vigor da Lei de Cambio Climático, anulando así o seu efecto retroactivo.

A XUNTA QUERE "ACLARAR A INSEGURIDADE XURÍDICA"

A pesar desta modificación na Cámara Alta, a Xunta quere que a negociación acordada pola comisión bilateral chegue a "aclarar a inseguridade xurídica" que, segundo considera, ofrece a actual redacción do artigo 20 no relativo á duración das concesións. Neste sentido, a Administración autonómica lembra que tanto a súa asesoría xurídica como o Consello Consultivo expuxeran as súas dúbidas sobre esta normativa en senllos informes.

A Xunta ve "un paso de boa vontade" que o Goberno central teña "predisposición a dialogar e negociar sobre unha normativa que afecta o futuro das empresas afincadas no litoral de Galicia", recalca no seu comunicado. E é que a intención do Executivo autonómico é "garantir a seguridade xurídica" destas industrias, entre elas "máis dun centenar" da cadea mar-industria, así como outras 5.000 edificacións situadas na liña de costa.

Costa de Muros
Costa de Muros | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Algunha "edificacións" na liña de costa foron "legalizadas" cando había nelas unha fábrica se conservas que logo desapareceu para se converter no Chalet do Presidente de Pescanova S.A. (a vella Pescanova aínda segue viva nos Tribunais!) https://flic.kr/p/oDS7BC Seguro que a esta edificación non lle afecta o artigo 20 nin o 25 !