Hostaleiros piden "copiar" a decisión de Madrid de levantar restricións

Ven "demostrado" que o peche do sector "non arranxa a situación"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2021 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

O presidente de Hostalaría de España, José Luís Yzuel, instou a outras autonomías a "replicar" a decisión de Madrid de levantar toda restrición horaria en hostalaría e lecer nocturno a partir do 20 de setembro. E é que, ao seu xuízo, "quedou demostrado" que pechar a hostalaría "non arranxa a situación", dixo sobre a incidencia do covid.

En rolda de prensa, tras unha reunión na Coruña dos presidentes da denominada 'Fuerza del Norte' -- que inclúe ás asociacións de hostalaría e turismo de Galicia, Cantabria, Asturias e País Vasco--, asegurou que o sector está a ver "a luz ao final do túnel", pero criticou o "tetrix de decisións" que, na súa opinión, supuxeron as "dispares" medidas entre autonomías, tanto en restricións como en axudas.

"Galicia foi moi cruel con medidas moi duras e moi complexas, aínda que houbo axudas", dixo coincidindo co encontro celebrado na cidade herculina. En particular, sobre as axudas, lamentou que cada comunidade campase " por libre" neste asunto, unha crítica que tamén fixeron os demais presidentes da hostalaría do norte.

Neste contexto, o presidente de Hostalaría de España animou ás comunidades autónomas que foron "moi duras" a "acabar" coas retriccións para "volver á normalidade". "Hai que replicar boas prácticas de comunidades autónomas como Asturias onde se tivo en conta a distancia", dixo fronte ao sistema de capacidades aplicados noutras.

SITUACIÓN NO NORTE

Mentres, o presidente da Asociación de Hostalaría da Coruña, Héctor Cañete, destacou o convenio subscrito coa Xunta para aplicar desde o mércores dous niveis na hostalaría con medidas en base ao cumprimento de requisitos por parte dos hostaleiros e non pola incidencia de casos en cada concello. Tamén defendeu avanzar para ir "cada vez a menos" a limitacións.

"Cremos que non tería que haber restricións", sentenciou, á súa vez, o presidente da Asociación de Hostalaría Asturias, José Luís Álvarez Almeida, en coincidencia cos demais presidentes.

No caso de Cantabria, o seu presidente, Ángel Cuevas, denunciou, no caso desta autonomía, o que non houbese unhas axudas "proporcionadas" segundo o tipo de establecemento. "Os hostaleiros necesitan traballar", sentenciou, á súa vez, o representante de Hostalaría Biscaia, Bonifacio García, quen manifestou a súa confianza en que se relaxen as medidas nesta autonomía.

O acto contou tamén coa presenza do concelleiro de Economía da Coruña, José Manuel Lage, quen reivindicou o plan de reactivación económica e social (Presco) posto en marcha por este consistorio para axudar ao sector, ao que convidou a promover un encontro na cidade herculina da hostalaría do norte.

Un grupo de persoas charla na terraza dun local de hostalaría da Coruña. M. DYLAN / EUROPA PRESS / Europa Press
Un grupo de persoas charla na terraza dun local de hostalaría da Coruña. M. DYLAN / EUROPA PRESS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta