O Concello da Lama denuncia á integrante dun grupo medioambiental logo dun acto reivindicativo

Recibiu unha multa de 100€ por vulnerar as normas sanitarias hai máis dun ano. A plataforma asegura que prepara unha resposta xurídica ante esta "criminalización" e non descarta levar o caso á xustiza europea.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2021 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

O Concello da Lama vén de denunciar unha integrante da plataforma SOS Suído Seixo, asociación contra a creación da mina Alberta I na zona de Doade. Segundo informan dende a propia asociación, a integrante tería recibido unha notificación de “inicio dun procedemento sancionador” por parte do concello da Lama contra a súa persoa, e coa conseguinte multa polo valor de 100 euros.

Protesta pola mineira Alberta I
Protesta pola mineira Alberta I | Fonte: remitida

Segundo apuntan dende a plataforma, a denuncia emerxe a raíz dun acto reivindicativo desenvolto en 2020 nas proximidades do edificio consistorial con motivo dunha entrega de alegación contra un proxecto. Nela concentrouse un grupo de 30 persoas portando varias pancartas contrarias á mina. 

Dende a asociación aseguran que a denuncia e a multa derivan dun suposto incumprimento das medidas sanitarias, e que a muller sancionada foi a convocante formal da concentración. As mesmas fontes cualifican de “criminalización” o acto e aseguran que na concentración se tiveron en conta todas as proteccións sanitarias, que estaban mesmo reflectidas nos cartaces convocantes. 

Asemade, critican que no momento da concentración os gardas civís desprazados ao lugar non mostraron “manifestar ningún tipo de disconformidade sobre como estaba a transcurrir o acto, en relación coas medidas sanitarias do momento”. “Por todo isto, non podemos entender como, case un ano despois, unha das nosas compañeiras recibe unha denuncia, e a multa correspondente, ante un feito que no seu día non incumpriu ningunha norma sanitaria, se non que foi só a mostra da veciñanza facendo uso dos seus dereitos e das ferramentas que a administración pon ao seu alcance para manifestar a disconformidade”.

XUSTIZA EUROPEA

A plataforma asegura estar preparando unha resposta xurídica ao que considera unha vulneración “inxustificada” dos dereitos fundamentais e de participación pública ambiental, e levará o caso ante os organismos europeos e internacionais. “Pídese ademais a solidariedade doutros colectivos afíns e da sociedade en xeral, pois entendemos que estamos ante un intento da administración de penar os actos civís en defensa do territorio e dos máis elementais dereitos políticos e sociais”, finalizan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta