Mortandade de aves no encoro de Vilagudín: como as redes sociais moveron ás autoridades

A aparición de fotografías e vídeos en redes sociais con gaivotas mortas e enfermas no encoro de Vilagudín puxo en marcha ás autoridades medioambientais. Desde colectivos ecoloxistas e ambientalistas cren que de non ser así, ninguén se tería preocupado polo que aconteceu con estas aves. Descoñécese de momento cales son as causas desta mortandade aínda que algunhas fontes apuntan a posibles infeccións víricas.

Por Moncho Mariño | A Coruña | 15/09/2021 | Actualizada ás 22:16

Comparte esta noticia

A comezos de setembro deste ano gravouse no encoro de Vilagudín (entre Cerceda, Ordes e Tordoia) un vídeo mostrando un grupo de gaivotas cun comportamento estraño. Unha voz en off sinalaba a presenza de aves mortas mentres que outro grupo de aves parecían estar enfermas debido ao seu comportamento con movementos estraños e lentos. Este vídeo, segundo o educador ambiental Manuel Freire, foi o que motivou a entrada en acción das autoridades medioambientais case 24 horas despois. Non era o primeiro suceso coas mesmas características. En 2016 tamén se denunciara un feito igual e finalmente chegárase á conclusión de que a doenza dos paxaros era debida ao botulismo.

Encoro Vilagudín
Encoro Vilagudín | Fonte: Ecoloxistas en Acción

REDES SOCIAIS

Asociacións ambientalistas presentaron denuncias ante a aparición de gaivotas mortas no encoro de Vilagudín, unha reserva artificial de auga que alimentaba a antiga térmica de Meirama. Todo xurdiu dun vídeo que se subira ás redes sociais onde se describía o estado presuntamente enfermo dalgunhas das gaivotas e un número indeterminado de aves mortas. Manuel Freire, educador medioambiental, sinala que de primeiras o vídeo non causou efecto ningún “até que chegou  ese vídeo ao noso grupo de divulgación sobre gaivotas que temos en Facebook”.

Segundo nos narra Freire, pouco despois de subir o vídeo, un equipo de ornitólogos fixo fotografías onde se podía ver que, desde a emisión do vídeo, en poucos días a situación evolucionara a algo peor.Foi aí cando se encontraron as 50 aves mortas, 30 enferas en diferentes graos de doenza. O equipo de ornitólogos subiu as fotos sen recoller ningunha das aves afectadas. “Avisaron e presionaron ás autoridades para que actuasen”.

“Para o outro día un novo equipo de ornitólogos foi ao mesmo lugar e viron que todo estaba limpo, non había aves, agás un grupo illado que quedou sen recoller, seguramente porque non as viron” apunta Freire. Hai outras áreas do encoro que tamén están afectadas, mais non foron revisadas ante a dificultade de chegar a elas. “Mais a alarma foi maior cando se observou que nas fotografías había outras aves protexidas no medio das gaivotas” como andarríos e outras aves.

Gaivotas encoro Vilagudín
Gaivotas encoro Vilagudín | Fonte: Ecoloxías en Acción

ORIXES DA MORTANDADE?

Non hai nada constatado, hai indicios como a proximidade de vertedoiros e a presenza de empresas que fabrican subprodutos químicos” di Nancy Blanco de Amigos das Cegoñas. “Temos constancia que se tomaron mostras da auga do encoro así como que a Consellería de Medio Ambiente” sinala Blanco. Mais aínda non transcenderon resultados de análises ou estudos sobre cal ou cales poden ser as causas do suceso.

“Non sabemos tampouco se é botulimos aviar a causa do que acontece coas gaivotas nesta área” di Blanco. En tal caso, de ser unha infección causada por consumo de auga, podería estar afectando ás persoas? “Non, porque esa presa era só para consumo de Meirama, non ía destinada ao consumo humano” destaca Manuel Freire.

As analíticas da auga aínda non se deron a coñecer, mais outro posible foco de afectación serían os vertedoiros que están perto da reserva hídrica de Vilagudín. “Non sabemos o que se verte aí, si sabemos que mesmo se observaron cegoñas brancas, aínda que non se pode afirmar nada sobre se a causa está aí”.

“Cando apareceron as primeiras imaxes comezamos a subilas ás redes e desde aí tratei de presionar para que a Xunta se movese” destaca Nancy Blanco. “A investigación leva unha vía que comeza cando alertamos en Ecoloxistas en Acción e logo eles presentaron a correspondente denuncia en Medio Ambiente”. Daquela, o percorrido da denuncia xunto co tratamento das diferentes mostras poden demorar as conclusións sobre a mortandade das aves.

GAIVOTAS EN PERIGO?

As colonias de gaivotas foron cambiando de hábitat durante as últimas décadas. Se antes eran unha imaxe recorrente nos portos pesqueiros, co tempo tamén foron incorporándose a ambientes máis urbanos e de interior debido á apertura de vertedoiros. “Mesmo en áreas como Madrid os ornitólogos para a observación de aves fano en áreas de verteduras de lixo” di Freire.

O curioso é que “as colonias destas aves están diminuíndo e mesmo desparecendo, tanto en cantís como as de interior e as colonias urbanas”. Pepe Bernárdez, axente medioambiental do Parque Nacional das Illas Atlánticas, concretamente nas Illas Cíes, confirma que desde hai anos a poboación de gaivotas diminuiu a tal punto que hoxe “pode que quede un 10% das que había”.

As causas son completamente descoñecidas para os profesionais de vixilancia no Parque Nacional. En tal caso, Bernárdez apunta como unha posible hipótese, entre outras, a clausura de vertedoiros onde os paxaros ían alimentarse. Isto tamén podería estar no declive das poboacións de gaivotas no ámbito urbano. De todas maneiras, “levan anos dicindo que están estudando este asunto e aínda non se sabe nada”.

Desde a  Consellería de Medio Ambiente responden que se “procedeu á recollida de exemplares mortos, e tamén algún vivo, de gaivota patiamarela”. As aves foron trasladadas ao Centro de recuperación de fauna silvestre de Oleiros para toma de mostras. “Os exemplares vivos reciben atención veterinaria no Centro de recuperación, onde evolucionan favorablemente”. Sobre as posibles causas, o departamento de Ángeles Vázquez apunta que “á vista das primeiras observacións, e tendo en conta a experiencia en episodios anteriores similares, a variabilidade da dieta da gaivota patiamarela, a época e as condicións meteorolóxicas propias desta época do ano suxire unha posible intoxicación”.

Mentres tanto os axentes de Distrito continúan coas as inspeccións na contorna, para facer un seguimento da evolución do incidente. Xa por último, Medio Ambiente procedeu a vedar calquera tipo de actividade de pesca recreativa na presa de Vilagudín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta