Asasinan a unha muller de 52 anos na Coruña no que parece un novo caso de violencia de xénero

A Policía busca a parella da muller, de 49 anos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/09/2021 | Actualizada ás 09:23

Comparte esta noticia

Unha muller de aproximadamente 50 anos foi asasinada na madrugada deste xoves na Coruña nun caso que, segundo as fontes consultadas, podería tratarse dun novo caso de violencia de xénero.

Un vehículo da Policía Local facendo unha rolda de vixiancia nocturna
Un vehículo da Policía Local facendo unha rolda de vixiancia nocturna | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Polo momento, as forzas de seguridade están buscando á parella desta muller que se atopa desaparecido. Sgundo as fontes consultadas por GC, os servizos de emerxencia nada puideron facer por salvar a vida da muller.

Os feitos producíronse na rúa Juan Darriba, no barrio coruñés do Birloque, precisaron fontes policiais, que explicaron que se tivo coñecemento dos feitos sobre as dúas da madrugada.

Así o indicaron tamén desde a Subdelegación do Goberno, que precisaron que foi o fillo da muller quen se atopou o corpo da súa nai con feridas de arma branca. Ao lugar desprazáronse efectivos da Policía Nacional, que se fixeron cargo da investigación, en concreto a Brigada da Policía Xudicial.

As fontes consultadas manifestaron que o fillo confirmou que a súa nai e a súa parella, de 49 anos, tiveran unha forte discusión hai uns días. Polo momento, non hai ningún detido nun caso que se vincula con violencia de xénero.

O suposto autor dos feitos ten, segundo confirmaron a Europa Press outras fontes próximas ao caso, antecedentes por violencia de xénero en relación a outras dúas mulleres, aínda que non no da vítima, que rexentaba unha panadaría na zona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta