Temas: MúSICA

Unha ópera adaptada aos máis novos

A Real Filharmonía de Galicia interpreta O teléfono, que narra a imposibilidade dun mozo de pedirlle matrimonio á súa noiva por estar enganchada a este aparello.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/01/2014 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana concertos didácticos dirixidos a estudantes de primaria e secundaria. A batuta destes concertos levaraa o director galego Diego García Rodríguez. A oquestra interpretará a ópera O teléfono (ou O amor a tres), do compositor italo-estadounidense Gian Carlo Menotti (1911-2007), estreada no ano 1947. Trátase dunha divertida parodia que, a xeito de farsa, critica a carencia de comunicación nas relacións humanas. 

Os catro protagonistas de O Teléfono; Eliseu Mera, Diego García, Indra Sesti e Avelino González
Os catro protagonistas de O Teléfono; Eliseu Mera, Diego García, Indra Sesti e Avelino González

Unha obra dos anos 40 cun argumento moi actual

O argumento da ópera é sobre un mozo, Ben, que quere proporlle matrimonio a Lucy antes de marchar de viaxe, así que vai visitala ao seu apartamento cun agasallo. Lucy, pola súa parte, está enganchada en interminables conversas telefónicas, polo que o seu noivo non pode exporlle axeitadamente as súas intencións.

Nun momento no que Lucy abandona a habitación, Ben, desesperado, mesmo tenta cortar o cable do aparato pero fracasa. Ante o risco de perder o tren, o mozo vaise sen facer a súa proposición. Finalmente, Ben decide chamar a Lucy por teléfono para pedirlle matrimonio. Ela, emocionada, acepta, e os dous interpretan un romántico dúo ao teléfono. Antes de despedirse Lucy asegúrase de que Ben memorice o seu número.

Avelino González, Eliseu Mera e Indra Sesti

Eliseu Mera, barítono
Eliseu Mera, barítono

O papel de Lucy interpretarao a soprano de orixe cubana afincada en Galicia Indra Sesti, que se formou, entre outros, coa soprano Montserrat Caballé. Pola súa parte, o papel de Ben interpretarao o barítono ourensán Eliseu Mera. O actor galego Avelino González, que interviu en series de televisión como Padre Casares, Hospital Central ou Cuéntame, actuará como presentador.

O vindeiro sábado 1 de febreiro, ás 18:30 horas, a orquestra ofrecerá o mesmo recital, pero nesta ocasión dirixido ao público en xeral, en particular ás familias. Será no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

Neste vídeo Eliseu Mera explica en que consiste esta peza:

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta