Os novos contaxios Covid comezan a ser residuais en Galicia

Caen a 2.071 os casos de Covid en Galicia e baixan a 61 os novos contaxios.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/09/2021 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

Os casos de Covid-19 en Galicia seguen en descenso na semana na que se acaba o verán e sitúanse en 2.071, así como os novos contaxios, que caen a 61 --catorce menos que o día anterior--, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus baixan a 93 --catro menos--. Pola súa banda, a taxa de positividade redúcese a un 1,58% no conxunto da Comunidade galega.

Segundo os datos actualizados pola Consellería de Sanidade este luns, con rexistros ata as 18,00 do domingo, baixan a 25 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid --unha menos-- e a 68 as que se atopan noutras unidades. Mentres, hai 1.978 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

A presión hospitalaria aumenta lixeiramente na área de Pontevedra e O Salnés, onde segue un paciente Covid en UCI, pero soben a sete os ingresados noutras unidades --un máis--, mentres que se mantén sen cambios na de Ferrol, cun en críticos e dous noutras unidades; así como na da Coruña e Cee, onde aínda que soben a oitos os hospitalizados en UCI --un máis--, baixan a 18 os doutras unidades --un menos--.

Pola súa banda, alíviase nas outras catro áreas sanitarias. Así, na de Santiago e Barbanza queda un paciente Covid en UCI --un menos que a xornada anterior-- e hai nove noutras unidades --un menos-- e na de Ourense descenden a catro os críticos --un menos-- e continúan nove noutras unidades.

A área de Vigo mantense con seis pacientes ingresados en UCI pola Covid e baixan a sete os doutras unidades --un menos--; mentres que na de Lugo continúan catro en críticos e descenden a 16 os doutras unidades --un menos--.

MENOS CASOS ACTIVOS

Os casos activos manteñen a tendencia descendente no inicio da semana na que conclúe o verán e sitúanse en 2.071, que supoñen 123 menos que o día anterior ao haber máis altas (184) que contaxios (61) e non notificarse falecidos este domingo.

As infeccións activas volven descender nas sete áreas sanitarias, coa de Santiago e Barbanza á cabeza (-43); seguida da Coruña e Cee (-39); Lugo (-15), Vigo (-14), Pontevedra e O Salnés (-8); Ourense (-3) e Ferrol (-1).

Deste xeito, con máis casos activos de Covid-19 mantense a da Coruña e Cee, con 536; seguida da de Lugo, con 418; Vigo, con 372; Santiago e Barbanza, con 301; Ourense, con 243; Pontevedra e O Salnés, con 140; e á cola segue Ferrol por baixo do centenar, con 61.

BAIXAN Os CONTAXIOS

Galicia arrinca a semana na que comezará o outono --este mércores-- con 61 novos contaxios, que supoñen 14 menos que os 75 contabilizados este pasado domingo, polo que se mantén por baixo do centenar.

En concreto, dos novos casos detectados con probas de diagnóstico de infección activa nas últimas 24 horas, que ascenderon a 61, un total de 16 corresponderon á área de Lugo; 14, á de Ourense; nove, á de Santiago e Barbanza; oito, á de Vigo; outros oito, á da Coruña e Cee; tres, á de Ferrol e outros tres, á de Pontevedra e O Salnés.

Por tanto, os contaxiados no conxunto de Galicia ascenden a 181.780, dos cales 42.973 corresponden á área da Coruña e Cee; 37.510, á de Vigo; 26.875, á de Santiago e Barbanza; 21.612, á de Ourense; 21.368, á de Pontevedra e O Salnés; 19.831, á de Lugo; e 11.611, á de Ferrol.

Varias persoas na terraza dun bar en Galicia.. M. Dylan - Europa Press
Varias persoas na terraza dun bar en Galicia.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

En canto á taxa de positividade das probas PCR --número de infeccións detectadas cada 100 test-- descende a un 1,58 por cento no inicio desta semana tras subir o día anterior a un 3,6%. Por iso, segue por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta