Alerta en Oleiros pola explosión dun artefacto caseiro nun portal que non deixou feridos

Ocorreu nun edificio da Rúa Marcial del Adalid.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/09/2021 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia

Os equipos de emerxencia tiveron que intervir na tarde deste martes por mor da explosión dun artefacto explosivo caseiro que foi detonado no portal dun edificio da Rúa Marcial del Adalid, no concello coruñés de Oleiros. Non houbo feridos, aínda que si danos materiais.

Axentes da Garda Civil
Axentes da Garda Civil | Fonte: Ministerio do Interior.

Foron os veciños da zona os que chamaron ao 112 Galicia pouco antes das 17,30 horas para relatar que escoitaron unha explosión no lugar e que viron como saía moito fume da entrada do bloque de vivendas.

Nun principio, as testemuñas do suceso crían que se podía tratar dunha explosión de gas e, por iso, solicitaron a presenza de efectivos de intervención que puidesen realizar as comprobacións necesarias.

Ante a posibilidade de que houbese persoas afectadas, os xestores do 112 pasaron aviso aos profesionais sanitarios, aos bombeiros de Arteixo, ao Servizo de Emerxencias de Oleiros, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Igualmente, informouse á empresa subministradora do gas que abastece ao edificio.

Unha vez no punto, os efectivos de intervención confirmaron ao 112 que se trataba dun artefacto explosivo caseiro e que, a pesar das molestias ocasionadas, ninguén resultou ferido.

Fontes consultadas por Europa Press trasladaron que no lugar dos feitos descubriuse un pequeno artefacto composto con elementos caseiros (unha garrafa e papel albal, entre eles), que se tirou nun portal e causou danos materiais.

Os veciños asustáronse porque houbo un importante ruído, pero a falta do que poida determinar a investigación, os primeiros indicios apuntaban a que puido tratarse dunha "rapazada".

Os efectivos desprazados ata o lugar realizaron tamén a correspondente medición de gases e determinouse que todo estaba correcto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta