Europa non é o problema

Falábamos hai días nesta coluna da decepción da cidadanía a respecto do proceso de integración europea, tendo en conta o seu déficit democrático, a falla de profundización na unidade política, a falla de control cidadán do Banco Central Europeo e ter adoptado unha unión monetaria sen establecer, ao tempo, un amplo Orzamento federal e a coordinación das distintas políticas fiscais.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 02/02/2014

Comparte esta noticia
Porén, Europa non é o problema, como seica defenden moitas forzas de esquerda radical en Galicia e no resto do noso Continente. Compre transformar esta Unión para construir a Europa dos cidadáns e dos pobos, mais compre, tamén, recoñecer o avance exercido polo proceso de integración a respecto da Europa comesta polas guerras e máis o marco de estabilidade que ofrece.  Non por acaso, se non chegamos a pertencer á Unión Europea, o Goberno do Estado podería estar a intervir militarmente en Catalunya.
 
Aínda hai máis. Moitas das decisións adoptadas no marco europeo e que teñen xerado efectos prexudiciais para Galicia son responsabilidade do Estado español. Foi Aznar quen consentiu na prohibición da construción naval civil nos estaleiros de Fene en troques de que lle permitisen reflotar unha Navantia eivada pola ineficiencia dos seus estaleiros gaditanos e cartageneros. Foi Felipe González quen reestatalizou en grande medida as políticas de reequilibrio rexional o ao propor que os Fondos de Cohesión fosen directamente investidos dende o Goberno estatal e foron éste e Aznar os que investiron un billón das vellas pesetas destes Fondos na construción da nova T4 do aeroporto de Barajas. Foi o mesmo González o que desarmou a nosa industria e priorizou as producións mediterráneas a respecto da agrogandeiría e da pesca galegas nos Tratados de Adhesión do 1985. Foron PSOE e PP os que impuxeron a circunscrición única electoral no seu propio beneficio. E foron os sucesivos Ministros de Agricultura e Medio Rural do PP e PSOE os que orientaron as subvencións agrarias a prol dos grandes latifundistas casteláns, andaluces e extremeños.
 
O problema, pois, é moito máis España ca Europa. E a solución máis Galicia, máis e mellor Europa e menos protagonismo e competencias para o Estado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.