Allariz participa en 'Móllate polos ríos' limpando o Arnoia

A XIV Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrarase o 26 de setembro en 51 concellos de toda Galicia. Nos traballos participarán máis de 65 entidades como asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas e centros de ensino entre outras.

Por X.M. Fernández | Allariz | 23/09/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A limpeza de ríos simultánea, baixo o lema "Móllate polos ríos" terá lugar o vindeiro domingo, 26 de setembro, e mobilizará a numerosos voluntarios e voluntarias de 51 concellos. O obxectivo é claro: deixalos libres de lixo nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.

Museo do Coiro en Allariz e río Arnoia. Foto: XMF
Museo do Coiro en Allariz e río Arnoia. Foto: XMF

En Allariz o Centro de Educación Ambiental O Rexo realizará a coordinación da limpeza citando a aquelas persoas que queiran participar na Oficina de Turismo de Allariz ás 11:00 h. do vindeiro domingo. Voluntarias e voluntarios serán agasallados cunhas camisolas co lema da limpeza.

Dende o Concello de Allariz, Bernardo Varela concelleiro de Medio Ambiente resalta a importancia que sempre tivo para o municipio o coidado e conservación do Rio Arnoia. Esta será unha acción máis no conxunto de proxectos realizados en Allariz entorno ao mesmo.

PROXECTO RÍOS

O Proxecto Ríos, artífice desta acción, é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. Dende o ano 2008 están a organizar esta xornada de limpeza simultánea de ríos en cada vez máis concellos de Galicia.

Dende o Proxecto Ríos recoméndase que as persoas que asistan o domingo respecten as medidas e indicacións pertinentes en relación a situación da pandemia. O uso de máscara será de obrigatorio para todas as persoas participantes. Lembran tamén que cómpre levar e roupa cómoda e calzado axeitado para camiñar polas beiras do río.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta