Os xardíns do Pazo de Meirás acollerán unha exposición homenaxe a Emilia Pardo Bazán

Román Rodríguez anuncia a exposición na inauguración dun congreso internacional sobre a escritora galega na Coruña.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/09/2021 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

Os xardíns do Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña), acollerán unha exposición homenaxe a Emilia Pardo Bazán co gallo do aniversario do seu nacemento, segundo avanzou este mércores o conselleiro de Cultura, Eduación e Universidade, Román Rodriguez.

Emilia Pardo Bazán
Emilia Pardo Bazán | Fonte: RAG.

"A Xunta de Galicia traballa nunha mostra que poderá visitarse nos xardíns das Torres de Meirás sobre o legado de Emilia Pardo Bazán e que porá en valor este inmoble como espazo de democracia, cultura, defensa da muller, igualdade e do legado da creadora", remarcou o titular de Cultura.

Román Rodríguez fixo o anuncio durante o acto de inauguración dun congreso internacional na Coruña sobre a escritora, onde destacou que a exposición, que itinerará despois por distintas vilas e cidades galegas, "enmárcase no compromiso do Goberno autonómico por continuar dando pasos de cara a converter Meirás nun faro de igualdade e recuperar o espírito co que no seu día foi concibido".

Respecto da reapertura dos xardíns á cidadanía durante este verán, o responsable do departamento autonómico incidiu no "consenso" que "fixo posible ir dando pasos significativos no último ano para cumprir coa vontade da escritora e poder achegar ese espazo ao patrimonio público".

CONGRESO 

Este mércores o conselleiro de Cultura inaugurou, xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Xullo Abalde, o congreso internacional 'Emilia Pardo Bazán no seu centenario. Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI', que forma parte dos distintos actos conmemorativos da autora que se celebran durante este ano.

Esta iniciativa, segundo destacan, "servirá para analizar durante o próximos catro días todas as facetas da vida e obra da escritora" da man dunha selección de investigadores de ata 40 universidades de todo o mundo que, ademais, poderán "coñecer de primeira man a súa residencia, unha prolongación da súa obra e da súa visión do mundo".

O congreso celebrarase na Coruña ata este sábado 25 de setembro, unha máis das case 40 iniciativas que se están programando durante todo o ano "para pór en valor o legado de Pardo Bazán".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta