O gas que provoca mortes prematuras e está presente en todas as cidades galegas

A comunidade volve suspender en calidade do aire atendendo aos estándares da OMS. Ecoloxistas en Acción pide limitar o tráfico motorizado para reducir este e outros axentes contaminantes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

O aire galego volve dar resultados de contaminación por riba dos estándares aconsellados. Así o vén de denunciar a plataforma Ecoloxistas en Acción, que lamenta este ‘suspenso’ da Comunidade que afecta “á totalidade” das cidades galegas. Os datos corresponden ao baremo achegado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), e polo cal Vigo e Ourense serían as urbes máis afectadas. 

A Central térmica das Pontes  foi un dos grandes focos de contaminación de Galicia
A Central térmica das Pontes foi un dos grandes focos de contaminación de Galicia | Fonte: LEA PAZ - Arquivo

A nova chega, precisamente, despois de que a OMS publicara as súas directrices sobre os niveis de contaminación do aire. Segundo Ecoloxistas en Acción, trátase das “únicas recomendacións cientificamente recoñecidas a nivel mundial sobre a calidade do aire que respiramos, cuxo cumprimento reduce significativamente os riscos para as persoas”. 

“As novas directrices”, aseveran, “son moito máis estritas, o que demostra o impacto extremo que ten a contaminación atmosférica na saúde, mesmo a niveis baixos”. Os incumprimentos das cidades parten, iso si, se tomamos os datos do último ano sen confinamentos (2019), xa que estas reducións da mobilidade tamén carrexaron unha baixada substantiva dos gases nocivos das urbes.

UN GAS QUE PROVOCA MORTES PREMATURAS

En calquera caso, Vigo e Ourense sitúanse á cabeza desta lista negra por duplicar os niveis de NO2 (dióxido de nitróxeno), mentres que o resto de cidade superan o límite establecido.  “O NO2 provoca cada ano en España ao redor de 7.000 mortes prematuras, segundo o Instituto de Saúde Carlos III e a Axencia Europea de Medio Ambiente. É un gas irritante que provoca doenzas respiratorias como a asma e a enfermidade pulmonar obstructiva crónica (EPOC), e mingua a resistencia ás infeccións. Diversos estudos relacionaron a mortalidade da enfermidade COVID-19 con este contaminante atmosférico”, destacan dende a plataforma.

Fronte a este perigo, a plataforma fai fincapé na caída de nivel dos gases producida durante a pandemia pola baixada “estrutural” do tráfico motorizado. E piden ter esta experiencia en consideración para o futuro: “se os concellos queren protexer a saúde da súa cidadanía deberán implantar de forma rápida e ambiciosa as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) ás que lles obriga antes de 2023 a Lei de Cambio Climático, reducindo de forma drástica o tráfico urbano”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta