Por Europa Press / Redacción | Vigo | 23/09/2021 | Actualizada ás 14:25
A Comisión Europea anunciou este xoves a apertura dun expediente a España pola extensión da concesión da autoestrada AP-9, en Galicia, sen lanzar unha licitación pública tal e como fixo o Goberno central de Aznar, no que estaba Mariano Rajoy. Previamente, tamén o fixera o goberno socialista de Felipe González.
Bruxelas enviou unha carta ás autoridades españolas para asegurarse da correcta aplicación da regulación europea na concesión de contratos, ao considerar que España, do mesmo xeito que Italia, non cumpriu coas súas obrigas nesta materia.
En concreto, pon o foco sobre a extensión do contrato da AP-9 que conecta Ferrol coa fronteira hispanolusa. No caso de Italia, o Executivo europeo sinala un episodio similar coa autoestrada na provincia de Livorno.
Agora as autoridades españolas teñen dous meses para contestar as dúbidas expostas por Bruxelas, en caso de non responder satisfactoriamente, o Executivo comunitario podería enviar un ditame motivado e, como último paso, mandar a España ao Tribunal de Xustiza da UE.
FEIJÓO
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao ser preguntado por esta decisión da Comisión Europea, lembrou que a concesión da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, se ampliou en dúas ocasións, unha por parte dun goberno socialista e outra por parte dun executivo do PP, e que "en ningunha das dúas ocasións saíu a concurso".
O máximo mandatario autonómico, que no momento da pregunta asegurou descoñecer o expediente, incidiu en que houbo dúas ampliacións do prazo concesional. "Unha feita por un goberno socialista para facer gratuíto o tramo Rande-Puxeiros e outra do PP para facer gratuíto o tramo Fene-Ferrol", lembrou Feijóo, que incide en que "en ningunha das dúas ocasións saíu a concurso".
Dito isto, sinalou que, se hai un expediente, "o Goberno de España terá que responder a ese expediente e motivar por que fixo isto a Administración central, tanto estivese a gobernar o PSOE ou o PP".
ANA PONTÓN
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirma que "a Comisión Europea pon o foco en que a ampliación da concesión da AP-9 é unha estafa e a reacción do Estado debe ser porlle fin e acabar coas peaxes". O Bloque valora como "unha oportunidade" esta resolución "que declara ilegal a ampliación", pois "marca o camiño para acabar con esa ampliación e permitir a recuperación da autoestrada".
Nun comunicado, expresa que esta comunicación "tamén pon en dúbida a legalidade das peaxes cobradas durante as sucesivas ampliacións realizadas tanto por gobernos do PP como do PSOE". E é que incide en que, de non producirse, habería unha AP-9 "libre de peaxes desde 2015 en lugar de ter que seguir pagando ata 2048".
Igualmente, Pontón chama a atención sobre que "a maior parte das autoestradas coetáneas da AP-9 xa están libres de peaxes ou están a piques de caducar", mentres que Galicia sofre estas peaxes polo "agasallo" das ampliacións de PP e PSOE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.