Está normalizada a violencia dentro das aulas?

Existe unha vaga de violencia dentro e fóra das aulas? Hai fallos xeralizados no sistema tanto educativo como social que normaliza o bullying e o acoso? Algúns profesionais e asociacións de pais responden a unha cuestión que podería estarse sobredimensionando e aínda se descoñecen moitas das causas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 23/09/2021 | Actualizada ás 22:14

Comparte esta noticia

Unha agresión dun grupo de mozas adolescentes a outra moza é gravada e subida á rede social Tik Tok. Gravacións onde xente nova insulta, agrede e mesmo ameaza a persoas que reclaman silencio pola noite ou comportamentos agresivos con compañeiros e compañeiras de aulas. Todo isto e máis parece formar unha liña continua sobre como é a adolescencia de hoxe en día, un segmento poboacional que perdeu valores de convivencia, non sabe manexar a frustración e só pensa en “likes” nas redes sociais (RRSS) sexa cal sexa a súa actividade. E nas aulas? Estanse reproducindo estes comportamentos dentro das aulas dos centros de ensino?

Arquivo - Aula dun colexio. Marta Fernández Xara - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Aula dun colexio. Marta Fernández Xara - Europa Press - Arquivo

PROBLEMAS CO ALUMNADO?

As particularidades xeracionais maniféstanse dentro das aulas tanto coas maneiras de vestir, cos modismos na linguaxe, as habilidades no uso de novas tecnoloxías e tamén nas actitudes. A xente nova manifesta máis estas novas particularidades fronte ao profesorado que debe ir asumindo unha fluctuación de cambios no comportamento social e relacional do alumnado. Isto podería levar á confrontación alumnado-profesorado ou polo de agora, ao uso de ferramentas como mediadores, profesorado especialista en comportamento e uso da linguaxe.

A agresión verbal é a reacción máis estendida entre o alumnado cara os profesores. Así o di Julio Díaz de ANPE, quen remite ao Boletín do Defensor do Profesor 2019-2020 para ter unha idea deste fenómeno. Outro tipo de agresións, como as físicas, son “anecdóticas”. “Sentímonos máis presionados polos pais que polos alumnos” sinala Díaz. “O motivo é o de promocionar alumnos sen ter todas as materias aprobadas e iso pode ser un problema no futuro”.

“O comportamento violento dentro das aulas reduciuse notablemente durante os últimos anos” di o profesor Bernardo Penabade. A extensión do ensino obrigatorio aumentou a poboación escolar nos centros educativos, mais pola contra os episodios violentos reducíronse. “É certo que continúa habendo episodios e que trascenden pois circulan rapidamente a través das RRSS”.

Fernando Lacaci de ANPAs Galegas, estima que a violencia de cara ao profesorado e case inexistente. Por outra parte, considera cortinas de fume as alarmas sobre este tipo de violencia, “discursos por parte de sectores interesados” en utilizar algúns casos como un exemplo do que acontece na maioría de centros. De existir violencia dentro dun centro escolar isto sería a mostra dun “modelo fracasado”, un modelo que non soubo adaptarse ás persoas para quen se deseñou.

BUSCANDO ORIXES DA VIOLENCIA

A familia é o primeiro paso de cara a socialización e o primeiro entorno onde se aprenden comportamentos sociais. Desde o profesorado apuntan que a falta de disciplina ou de seguemento por parte dos pais xunto con fenómenos como a desestruturación familiar, supoñen dous elementos clave capaces de influír a medio longo prazo para crear unha personalidade violenta ou con problemas de socialización.

Por outra banda, os adolescentes viven nun momento vital en que reproducen, mimetizan comportamentos observados noutros adolescentes ou noutros contextos. “As situacións de precariedade e exclusión son unha fonte de conflitos, porque a frustración acumulada maniféstase en raiba e posiblemente en episodios de violencia” destaca Penabade. Entón, estarían eses adolescentes evadíndose da precariedade e exclusión mediante a violencia? Non se sabe con certeza se é evasión, si que para algúns profesionais a violencia e a agresividade é unha porta, das que xa hai, pola cal deixan saír o cúmulo de frustracións.

Desde que se poden viralizar vídeos nas RRSS, xa van casos abondo mostrando agresións de adolescentes en grupo a un mozo ou moza. Julio Díaz ten por certo que “todos queren estar nas redes e ter moitos seguidores e agredir a alguén, subilo ás redes só é unha vía para ter notoriedade nesas RRSS”. Díaz defende a necesidade de explicar que a vida non son só as redes, polo tanto, sería necesaria unha reeducación en valores que hoxe en día a adolescencia ten  moi asumidos.

Existen solucións? “Estudar o problema e logo traballar sobre os cambios necesarios dentro da actitude das persoas” di Fernando Lacaci. Os cambios de centro para ANPAs supoñen “trasladar o problema dun lugar a outro”, é por iso que ve moi necesario educar en aceptar a diversidade entre o alumnado para evitar o acoso. Por outra parte, actualmente as ferramentas para detectar quen sofre bullying ou acoso mediante a formación do profesorado.

As situacións de violencia nas aulas reducíronse moito durante os últimos anos, segundo as fontes consultadas. Segue habendo violencia dentro dos colexios, dos institutos e centros de FP. A súa orixe é diversa, mais a desestruturación familiar e a exclusión social parecen ser as dúas fontes principais que alimentan o comportamento violento en centros educativos. A solución máis inmediata sería buscar vías de diálogo que fomenten cambios no modelo de percepción do alumno ou alumna e tamén dentro das súas familias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta