Feijóo cualifica de "grave" a situación da Atención Primaria, que achaca á "falta de profesionais"

MIR extraordinario e eliminar taxa de reposición son algunhas das demandas da Xunta para o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

Unha convocatoria extraordinaria de MIR para persoal médico de familia, crear a especialidade de medicina de Urxencias e Emerxencias, eliminar a taxa de reposición e contar con máis especialistas. Esas serán as propostas que a Xunta de Galicia levará ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, que estará centrado nos problemas que presentan os servizos de atención primaria.

Os asuntos foron avanzados o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu executivo, que tivo lugar este mércores no edificio administrativo de San Caetano, sede da Xunta.

Alí, o mandatario confirmou que as demandas que a Xunta presentará no encontro entre comunidades e Goberno central van na liña do expresado durante os últimos meses, nos que o Executivo galego manifestou que, ao seu xuízo, as carencias nos servizos de atención primaria débense á "ausencia de profesionais".

Para iso, Galicia propoñerá "unha revisión" dos criterios para acreditar as prazas de formación da especialidade de medicina familiar e comunitaria que pase por "manter de forma permanente" o sistema de solicitude da acreditación de prazas, entre outras cuestións.

Ademais, tamén demandará a convocatoria dun MIR extraordinario para persoal médico de familia e a creación da especialidade de Medicina de Urxenicas e Emerxencias. Todo iso acompañado pola elimininación da taxa de reposición, que, segundo Feijóo, "permitiría consolidar" a situación de "miles" de profesionais sanitarios.

Así as cousas, Feijóo cualificou de "grave" a situación en atención primaria, que cingue a un problema de "falta" de profesionais ao que se enfrontan "todas" as comunidades autonómas. Tras defender as medidas postas en marcha pola Xunta para facer fronte a este asunto, entre as que destacou o plan dotado con 102 millóns de euros para implantar 200 medidas e dotar ao sistema de 300 prazas novas, o presidente apuntou á necesidade de que se concreten apoios ás comunidades desde a administración central.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello. XUNTA / ANA VARELA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello. XUNTA / ANA VARELA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta