O PP vota en contra de reclamar que Abanca non peche oficinas

Os 'populares' consideran que a "solución" depende do Estado. O BNG carga contra a clausura de sucursais "con nocturnidade e aleivosía".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/09/2021 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

O PP votou en contra dunha iniciativa do BNG, apoiada polo PSdeG, que pedía á Xunta actuar para evitar o peche dunha oficina de Abanca en San Valentín, no Concello de Fene (A Coruña), así como exercer as súas competencias exclusivas en materia de consumo para garantir que a entidade financeira preste servizos de calidade, en especial á poboación máis vulnerable.

Unha persoa toca a gaita durante a manifestación contra o peche de oficinas da entidade Abanca ante a súa sede na Coruña, a 2 de setembro de 2021
Unha persoa toca a gaita durante a manifestación contra o peche de oficinas da entidade Abanca ante a súa sede na Coruña, a 2 de setembro de 2021 | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Na comisión de Economía, Sandra Vázquez (PP) defendeu a postura do seu grupo coa argumentación de que "o único que pode dar unha solución é o Goberno do Estado", pois a regulación bancaria depende do Executivo central, polo que supón un "problema a nivel nacional" ao contar con competencias o Banco de España.

En cambio, Ramón Fernández Alfonzo (BNG) referiuse ao "auténtico clamor social" polo peche de oficinas de Abanca con "nocturnidade e aleivosía", que decidiu "aproveitar a pandemia para maximizar beneficios", despois de recibir "inxentes cantidades de diñeiro público" e contar con beneficios de máis de 3.000 millóns nos últimos anos.

Ademais dos "abusos" á clientela, Fernández Alfonzo recrimina que Abanca "precariza" a situación laboral dos seus empregados. Así mesmo, considera que "é de traca" e "escandaloso" que a Xunta subvencione á entidade a instalación de caixeiros despois de clausurar sucursais, de modo que censura que "calquera escusa é boa para darlle diñeiro aos poderosos".

Nesta liña, Francisco Rivera (PSdeG) recrimina que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "está secuestrado polos intereses financeiros", mentres reproba que Abanca "axilice de modo dacroniano" os peches en plena pandemia.

Pola súa banda, a deputada popular Sandra Vázquez admite a "gran preocupación e inquietude" en Galicia polo acceso a servizos financeiros, aínda que resalta que é unha situación que "afecta á metade de concellos de España".

Por iso, sostén que a oposición só busca "branquear" o Goberno central, ao que reclama que elabore un estudo sobre a situación bancaria e un plan estatal contra a exclusión financeira.

Noutra orde de cousas, nesta comisión os populares tamén vetaron unha proposta, do PSdeG, sobre actuacións a levar a cabo pola Xunta para reducir desequilibrios territoriais e evitar o despoboamento do rural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta