A xustiza cargou as baterías despois do primeiro ano da covid

Os órganos xudiciais galegos resolven no segundo trimestre un 6,3% máis de casos que no mesmo período de 2019. Entre o 1 de abril e o 30 de xuño reciben 88.325 novos procedementos, un 2,5% máis que antes da pandemia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/09/2021 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

Os xulgados e tribunais galegos ingresaron e resolveron máis asuntos no segundo trimestre de 2021 que no mesmo período de 2019, o ano previo á crise sanitaria provocada pola pandemia da covid.

Entre o 1 de abril e o 30 de xuño recibiron 88.325 novos procedementos, un 2,5% máis que en 2019; e finalizaron 93.757, un 6,3% máis. Os órganos xudiciais da comunidade reduciron o número de casos pendentes, pois ao comezar o segundo trimestre tiñan 161.419 asuntos en trámite e, ao finalizar o período, 155.774, un 3,5% menos.

Esta diminución do número de casos en trámite entre o 1 de abril e o 30 de xuño, que se rexistrou en todas as xurisdicións, demostra, segundo destaca o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), "o esforzo que se está realizando por parte de todo o persoal da Administración de Xustiza de Galicia para superar o efecto que tiveron o confinamento e a paralización de prazos procesuais nos xulgados e tribunais".

A taxa de litixiosidade en Galicia no segundo trimestre situouse en 32,8 asuntos por cada mil habitantes, por baixo da media estatal (35,4), segundo o informe feito público este luns pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).

Ao comparar o segundo trimestre de 2021 co de 2020, os datos poñen de manifesto a incidencia que a pandemia tivo no funcionamento dos órganos xudiciais da comunidade, que resolveron no segundo trimestre deste ano un 116% máis que no mesmo período de 2020, cando finalizaron 43.233 procedementos, e ingresaron un 57% máis, pois o ano pasado recibiron 56.113 casos, fronte aos 88.325 de 2021.

Un cidadán portugués, xulgado na sala do Penal 1 de Vigo,  por varios delitos contra a seguridade viaria, condución temeraria e atentado, por unha persecución ocorrida na A-52 en agosto de 2019, na que embistió un coche de Garda Civil.
Un cidadán portugués, xulgado na sala do Penal 1 de Vigo, por varios delitos contra a seguridade viaria, condución temeraria e atentado, por unha persecución ocorrida na A-52 en agosto de 2019, na que embistió un coche de Garda Civil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta