Profesores da USC: "As variantes de SARS-CoV-2 necesitan de supercontaxios para lograr éxito epidemiolóxico"

Federico Martinón sostén que "os nenos non parece que sexan os supercontaxiadores"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2021 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

Os profesores da Universidade de Santiago (USC) Antonio Salgas e Federico Martinón explican no seu último artigo publicado en 'Trends in Genetics' como as variantes de SARS-CoV-2 "necesitan da acción de eventos de supercontaxio para lograr éxito epidemiolóxico" pois, son estes "a verdadeira gasolina" coa que "o incendio está garantido".

Os investigadores do IDIS Antonio Salgas e Federico Martinón. SERGAS
Os investigadores do IDIS Antonio Salgas e Federico Martinón. SERGAS | Fonte: Europa Press

"Un supercontaxiador tería un efecto comparable co de prender lume a un monte seco usando sustancias acelerantes como a gasolina", advirten Salas e Martinón no seu traballo. Para estes investigadores, o "triunfo dunha variante depende en gran medida "desta forza motriz" porque, segundo explican, "un só evento de supercontaxio pode causar un dano rexional terrible ao facer crecer os contaxios de maneira exponencial, iniciando en moi pouco tempo brotes repentinos que son difíciles de controlar ao perderse a posibilidade de trazar as transmisións".

Segundo manifestan os autores, "os supercontaxiadores actúan de maneira independente á variante do virus, trátase dun fenómeno universal e que estivo a mover a pandemia de forma permanente".

Estes dous profesores da USC chegaron a esta conclusión tras analizar máis de 1,4 millóns de secuencias do virus, dispoñibles grazas á colaboración de miles de laboratorios de xenética e microbioloxía en todo o mundo. O grupo de Salas e Martinón comezou a traballar nesta liña no inicio da pandemia e, desde entón, foron chegando evidencias sobre a dinámica do virus e de Covid-19 publicadas en revistas internacionais como as que agora acaban de ver a luz en 'Trends in Genetics'.

Xa en marzo de 2020, este equipo de investigación da USC propuxera que os supercontaxiadores "eran os grandes motores da pandemia", explica a USC nun comunicado. Desde entón xurdiron numerosos estudos doutros grupos de investigación que defenden a mesma hipótese.

CAPACIDADE INFECCIOSA

Ademais, este novo traballo introduce dúbidas sobre a maneira na que se mide a capacidade infecciosa do virus, apuntan. Así, Salas indica que "existen evidencias razoables que permiten concluír que variantes de risco tan populares como alpha e delta dificilmente poderían ter o éxito poboacional que tiveron se non fosen catapultadas polo efecto catalizador dos eventos de supercontaxio".

A favor desta hipótese apunta a observación de que todas as ondas importantes nos distintos países do mundo "xurdiron despois de momentos de gran relaxación das restricións e confinamentos, tales como épocas festivas, vacacións de verán, grandes eventos deportivos, ou manifestacións de diversa índole". Todas elas, subliñan estes investigadores, "víronse atenuadas cando se recuperaron as medidas restritivas".

O seu artigo defende, ademais, que os eventos de supercontaxio "necesitan da intervención de persoas supercontaxiadoras, porque este modo de transmisión deixa unha pegada nos xenomas dos virus que non se podería explicar sen a súa intervención".

"ALARMA INNECESARIA"

Os autores deste traballo tamén reflexionan sobre a taxa de cambio do xenoma do virus. Respecto diso, Salas afirma que "existiron moitas variantes preocupantes desde o inicio da pandemia" e non só na actualidade.

De feito, mentres moitos especialistas "acollíanse ao discurso de que o SARS-CoV-2 mutaba moi pouco", eles informaban, lembran "de que o coronavirus tiña unha capacidade de cambio lixeiramente inferior pero comparable con outros virus RNA (como o da gripe e o VIH) cando se ponderaba polo tamaño dos seus xenomas", continúa o profesor da USC. Tal e como afirma este profesor da Facultade de Medicina, "se unha variante emerxe nun momento de restricións, probablemente non chegue a ter éxito".

CONTRA AS MENSAXES CATASTROFISTAS

O traballo cuestiona as interpretacións e mensaxes catastrofistas que frecuentemente acompañan a aparición destas mutacións, explicaron. "A miúdo as interpretacións son excesivamente prematuras e crean unha alarma social innecesaria baseada nunha boa dose de incerteza, en datos insuficientes e especulacións científicas aínda inmaturas", sostén Salas.

Os autores defenden que "moitas desas mutacións potencialmente perigosas xurdiron moito antes da aparición dos brotes polos que se fixeron famosos", pero que no seu momento non causaron ningún dano ou nalgúns casos foi "autolimitado e anecdótico", consistente en brotes que non chegaron a ter unha maior repercusión.

Por iso é polo que o novo estudo defende que esas variantes por si soas non terían éxito epidemiolóxico de non ser catalizadas polo comportamento social.

NENOS

Este aspecto é importante porque apuntaría a que non é só o ambiente o que determina o éxito dun supercontaXio, senón tamén a facilidade que teñen algunhas persoas de transmitir o virus a outras, esxplican. A este respecto, Martinón indica que "os nenos non parece que sexan os supercontaxiadores".

"Hai uns meses xurdiron publicacións que suxerían algúns factores de risco que poderían favorecer que unha persoa fose supercontaxiadora, entre os que se atopa a idade e a obesidade, pero é difícil identificar a priori ao supercontaxiador", matiza. "Como non podemos intervir selectivamente sobre os supercontaxiadores, é necesario realizar medidas xerais", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta