Temas: DVICIO

A mellor comida galega e cubana no Xantar 2014

Expourense acolle esta fin de se mana unha cita ineludíbel para todos os afeccionados á gastronomía. Xantar 2014 ofrece formación, concursos e unha oferta de menús para todos os gustos e todos os petos.

Por GC Tendencias | Ourense | 06/02/2014 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

O salón Internacional de Gastronomía e turismo organízase en Expourense entre o 5 e o 9 de febreiro co carimbo de “Feira Comercial Internacional” que outorga a Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España, o que o converte nunha das cinco citas internacionais de turismo  celebradas en España.

Feira Xantar
Feira Xantar

Esta distinción de internacionalidade recoñece a traxectoria do salón dende que no 2007 incluíu por primeira vez a figura do país convidado. Ademais de contar coa presenza de Portugal dende a súa primeira edición, ata este momento asistiron México, Arxentina, Francia e Perú, países que aínda continúan ligados, edición tras edición.

 

Este ano o país convidado será Cuba, que estará presente en todas as accións previstas en Xantar, promovendo a súa gastronomía, turismo e artesanía. Contará cun restaurante liderado pola Sociedade Cultural Rosalía de Castro, que é un dos Centros Galegos de La Habana. A participación deste país como protagonista xorde da colaboración entre o Ministerio de Turismo de Cuba e Expourense, coa intermediación da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

 

Nesta 15ª edición de Xantar participan un total de 18 restaurantes procedentes de Galicia, de comunidades autónomas convidadas (Asturias e Castela e León) e varias rexións turísticas de Portugal, ademais de Cuba. En total, ofreceranse máis de 30 menús, entre 12 e 30 euros, baseados nos seus productos autóctonos e de calidade pois a maioría inclúe alimentos amparados por unha denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. Contribuirase á posta en valor dos productos agrogandeiros e pesqueiros de calidade, destacaranse as bondades para a saúde dos alimentos da Dieta Atlántica e incluiranse distintos menús para celiacos.

 

Actividades

O programa de actividades de Xantar 2014 incluirá tanto conferencias de expertos como exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións incluídas no chamado “Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde” que afronta xa a súa 9º edición. En total, máis de 100 actividades orientadas a profesionais e afeccionados que serán de balde.

 

Entre as novidades desta edición salientar a conferencia inaugural “Seguridade Alimentaria e a colaboración público-privada no desenvolvemento dos agronegocios” impartida polo conselleiro principal da Cooperación Técnica da FAO (Organización de Naciones Unidas para la Alimentación y la Agricultura), Alberto López-Asenjo que analizará como afrontar os grandes retos relacionados cunha alimentación saudable e nutritiva, xa que malia os avances, aínda pasan fame preto de 870 millóns de persoas no mundo.

 

Entre os talleres de cociña en directo desta edición destacan o de gastronomía do Entroido, o de cociña ao baleiro e conservación de alimentos, repostería para celíacos, gastronomía sefardí ou repostería creativa, unha das tendencias actuais con máis seguidores.

 

Celebrarase a segunda edición do “Concurso Prato Xantar” que nesta ocasión conta con dúas categorías: profesionais e afeccionados, repetirase o Encontro de Confrarías Gastronómicas e Enófilas que congrega colectivos de toda España e doutros países e como novidade tamén deste ano Xantar será o espazo escollido para facer un encontro de bloggers gastronómicos de Galicia, Asturias e Castela e León.

 

Turismo de proximidade

Xantar 2014 pon en marcha tamén diversos paquetes turísticos para fomentar o turismo interno e de proximidade para incentivar ao público a visitar Ourense e reforzar como obxectivo principal desta cita a promoción do turismo a través da gastronomía.

 

Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta