Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/09/2021 | Actualizada ás 20:08
O BNG esixiu ao Goberno central que "rectifique" e "retire a prohibición" de manifestación convocada pola CIG para o venres 1 de outubro no Grove, por "tratarse dunha clara conculcación dos dereitos fundamentais adoptada mediante unha resolución arbitraria e sen a debida fundamentación".
Así, o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, considerou "inadmisible" que mentres que o Goberno "permite manifestacións nazis e homófobas" en Madrid, "prohiba unha mobilización sindical" convocada para denunciar as políticas económicas do Goberno e a súa "submisión" aos intereses empresariais, con motivo do 'Foro A Toxa'.
Á mantenta do nome da conferencia (Foro La Toja), o BNG tamén denuncia "a deturpación" do topónimo da illa da Toxa e reclama a "corrección" do nome do evento á organización.
Segundo explica o BNG, o pasado 23 de setembro a Subdelegación comunicou a decisión de prohibir a manifestación alegando que "pode, con posibilidade razoable, resultar afectado a orde pública pola súa posible incidencia na seguridade de persoas e bens".
"Esta decisión carece de fundamento legal e supón a vulneración do dereito fundamental de reunión e manifestación. Este dereito non se somete a autorización, só debe comunicarse, cabendo unicamente a prohibición cando existan perigo evidente para a integridade de persoas ou bens", explica o deputado do BNG.
"Non pode alegarse por tanto calquera afectación á orde pública, é necesario que exista risco físico para as persoas ou de producirse danos materiais nos bens".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.