O PP non quere investigar o baleirado de encoros a pesar de acusar ao Goberno central de facelo

A oposición afea o abrazo de Feijóo e o presidente de Iberdrola, Sánchez Galán. Os populares alegan que este órgano debería activarse no Congreso porque "a competencia é estatal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2021 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O PPdeG rexeitou cos seus 42 votos a creación dunha comisión de investigación no Parlamento para analizar no Pazo do Hórreo "as causas, consecuencias e responsabilidades" do "abrupto" baleirado de encoros, así como o impulso de medidas para compensar o sucedido e evitar que se repita.

A iniciativa foi debatida a petición do BNG e sumou o apoio dos socialistas, pero a maioría absoluta popular impediu que saíse adiante. Como principal argumento para dicir 'non', a parlamentaria do PPdeG Marisol Díaz Mouteira, quen exerceu de portavoz no debate, esgrimiu que "a competencia é estatal" e apuntar a Madrid. "Comisión si, pero no Congreso", aseverou.

Previamente, a deputada nacionalista Noa Presas encargouse de defender a activación da comisión e puxo o foco en que, aínda que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo o berro no ceo co baleirado e apuntou á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, posteriormente transcendeu que a Xunta "coñecía" a situación desde facía "semanas".

Presas incidiu en que é preciso "depurar responsabilidades políticas" e tamén determinar como actuar nun futuro. "Un si unánime a esta comisión enviaría unha mensaxe contundente ao lobby enerxético", reflexionou.

A deputada do BNG, formación que emprendeu unha campaña coa lema 'Hai apertas que venden un país' --coa foto do abrazo do presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, e de Feijóo no acto civil da súa toma de posesión de 2009--, insistiu en que, tras a actuación da Xunta, "só pode haber incompetencia ou interese por favorecer ás eléctricas".

"UNHA FERMOSA AMIZADE"

Tamén o socialista Pablo Arangüena defendeu que, tras os pasos dados desde a Xunta, os populares deberían facilitar a apertura desta comisión, e tamén incidiu, do mesmo xeito que os nacionalistas, en que estaba informada do que ía ocorrer.

"Non hai ningunha gran conivencia co Estado, o que hai é un fermoso abrazo para unha fermosa amizade de Feijóo con Sánchez Galán", dixo o deputado do PSdeG, antes de incidir en que o non dos populares a esta iniciativa só pode entenderse como "prevaricación por omisión".

"COMISIÓN SI, NO CONGRESO"

En fronte, a popular Marisol Díaz Mouteira reafirmouse nos argumentos da Xunta e situou a responsabilidade do ocorrido, ademais de nas eléctricas, no Goberno e, en concreto, na Confederación Hidrográfica. "Comisión si, pero no Congreso", aseverou, na liña coa súa argumentación previa.

Así mesmo, defendeu que o Goberno galego xa deu as explicacións pertinentes na Cámara, unha resposta "fundamentada na norma e que non permite interpretación partidista". "Contra quen hai que tomar medidas é contra as empresas e tamén contra a Confederación, que é o organismo que permitiu a acción", concluíu.

Vista xeral sobre o estado do encoro de Salas na conca Miño-Sil. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo
Vista xeral sobre o estado do encoro de Salas na conca Miño-Sil. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta