Galicia, Cantabria, Asturias e Castela e León inician unha "longa batalla" xudicial pola prohibición da caza do lobo

Recorren a inclusión do lobo no LESPRE e cosideran que vai "en sentido contrario" á Directiva Hábitats da UE.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/09/2021 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

Galicia, Cantabria, Asturias e Castela e León iniciaron unha "longa batalla xudicial" que deu comezo este martes coa petición de medidas cautelares e a interposición dun recurso contencioso administrativo ante a Audiencia Nacional contra a inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres de Especial Protección (LESPRE).

Lobo
Lobo | Fonte: Amigos da Terra.

Ademais, pedirán unha entrevista co comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, para exporlle a situación, considerando que a orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica que protexe o lobo "vai en sentido contrario" á Directiva Hábitats da Unión Europea, que determinou en 1992 que esta especie ao sur do Douro é "estritamente protexida" pero ao norte é "xestionable". Así, cren que desde o Goberno central "foron máis aló do que a propia Europa quere que se vaia".

Con estas actuacións as comunidades que aglutinan "o 95%" da poboación de lobos en España, que manterán nas próximas semanas reunións periódicas para abordar este asunto, confían en poder acabar coa orde publicada o 21 de setembro que inclúe o lobo como especie protexida, unha "tropelía" contra os gandeiros que "tamén vai en contra da propia especie".

Así o dixeron os conselleiros responsables da área ddas catro comunidades e os representantes das organizacións profesionais agrarias máis representativas, COAG, ASAJA e UPA, nunha rolda de prensa que ofreceron este martes tras reunirse en Santander para abordar e coordinar a súa resposta á inclusión do lobo no LESPRE.

Os conselleiros pediron "xustiza e coherencia" para buscar a "coexistencia" entre o lobo e a gandaría extensiva e confiaron en que os tribunais lles concedan as medidas cautelares solicitadas para poder seguir aplicando os seus plans de xestión da especie.

Neste sentido, aseguraron que aínda que se fagan controis de poboación de lobos e "extracción" de exemplares, eses plans axudan a manter a especie, xa que desde que se xestiona está nun estado "favorable" e con maior presencia que en zonas nas que está máis protexida, subliñaron os conselleiros tras destacar a súa "unidade de acción", a pesar de formar parte de partidos políticos diferentes, pola "defensa do noso territorio e a nosa forma de vida".

Ademais, aínda que criticaron o "desprezo" mostrado pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, cara ao mundo rural, apelaron novamente ao "consenso" e pedíronlle que "non teña medo ao diálogo", porque unha medida así "non se pode decidir de forma autoritaria e desprezando aos territorios".

"O noso obxectivo nin moitísimo menos é acabar co lobo", reiterou o conselleiro cántabro, que se mostrou "indignado" coas declaracións da ministra nas que alude á "falta de diálogo" das comunidades. Tamén mostrou "profunda decepción" co ministro de Agricultura, Luís Planas, que trasladou o seu apoio aos gandeiros na súa visita a Cantabria pero "esqueceu ata o que o seu propio Ministerio pedira a Ribeira".

Na mesma liña, a súa homóloga galega apuntou que a orde ministerial está "repleta de incoherencias" e de "falta de motivación científica", e destacou que grazas a estas catro comunidades afectadas "España pode presumir en Europa de que conserva o lobo".

Pola súa banda, Galicia advertiu do "gran impacto económico" que suporá a aplicación desta orde ao "carecer" de dotación orzamentaria, á vez que censurou que o Estado rexeitase aplicar un período transitorio á aplicación do novo marco de portección.

"Son sobrados os motivos polos que as comunidades autónomas imos recorrer. Queda un camiño longo, pero no que confiamos na xustiza. Esperamos conseguir as medidas cautelares e, así, poder seguir facendo esa xestión que é a que nos pide o territorio, polo ben do lobo, polo ben do resto das especies, pero tamén polo ben dos gandeiros", concluíu a conselleira Ángeles Vázquez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta