Temas: FRASEOLOXíA

“Ser (feo coma) un croio # un corno”, equivalentes, entre moitas outras, á castelán “ser (feo como) un callo” (2ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 03/10/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Seguimos, pois, transitando polo carreiro fraseolóxico emprendido na última entrega, na que dabamos conta de secuencias expresivas galegas que manifestan a fealdade de alguén.

' A duquesa fea', también coñecido como 'Unha vella grotesca' Pintado por Quinten Massys en 1513 en óleo sobre carballo
' A duquesa fea', también coñecido como 'Unha vella grotesca' Pintado por Quinten Massys en 1513 en óleo sobre carballo

Ser (feo como) un callo

{= Ser moi fea unha persoa.}

Ser (feo coma) un croio

Ser (feo coma) un corno

Ser (feo coma) un corvo

Ser (feo coma) un lorcho

Ser (feo coma) un escacho

Ex.: Ya sé que mi marido no es allá muy guapo, o, si queréis, que es un callo, pero os puedo asegurar que es la mejor elección de vida que pude haber hecho nunca.

Xa sei que o meu marido non é alá moi guapo, ou, se queredes, que é (feo coma) un croio (feo coma) un corno (feo coma) un corvo (feo coma) un lorcho (feo coma) un escacho, pero pódovos asegurar que é a mellor escolla de vida que puiden facer xamais.

● Tamén:

(Ser de los que) Su cara defiende su casa

(Ser dos que) Non lle ter nada que agradecer a Deus && (Ser dos que) Terlle pouco que agradecer a Deus && (Ser dos que) Escaparlle/Escapárselle a Deus das mans && (Ser dos que) Pararse pouco Deus con el && (Ser dos que) Nacer # Ser nado nunha noite escura && (Ser dos que) Destetar as cochas && Ser máis feo ca unha nécora de cu && Ser máis feo có demo cando era mozo

Ex.: Xa sei que o meu marido non é alá moi guapo, ou, se queredes, que non lle ten nada que agradecer a Deus que lle ten pouco que agradecer a Deus que lle escapou a Deus das mans que Deus se parou pouco con el que foi nado nunha noite escura que desteta as cochas, pero pódovos asegurar que é a mellor escolla de vida que puiden facer xamais.

● Tamén:

Ser más feo que Picio && [E MAIS] Ser feo con ganas

Ser máis feo ca Tito && Ser máis feo có demo da Mota && Ser máis feo ca eiramá && Ser feo coma el só[coma min só # coma ti só # coma ela soa # ...] && [E TAMÉN, CON SECUENCIAS COMPARATIVAS QUE SE USAN EN MOITOS MÁIS CASOS]: Ser máis feo ca pouco # ca dicilo # ca feo # ca Deus # cá virxe && [E MAIS] Ser feo con ganas

● Tamén:

(Ser de los que) Dar un susto al miedo

(Ser dos que) Poñerlle medo ó medo && (Ser dos que) Non valer para pecar de pensamento && (Ser dos que) Poñer a denteira && (Ser dos que) Destetar un meniño && [E MAIS TAMÉN, SE CADRA ASOCIADAS EN MAIOR MEDIDA A REXISTROS MÁIS FAMILIARES E COLOQUIAIS]: (Ser dos que) A cara tornarlle do cu && (Ser dos que) A cara gardarlle o cu && (Ser dos que) A cara defenderlle o cu && Ser máis feo ca un pozo negro

Ex.: Xa sei que o meu marido non é alá moi guapo, ou, se queredes, que lle pon medo ó medo que non vale para pecar de pensamento que pon a denteira que desteta un meniño que a cara lle torna do cu que a cara lle garda o cu que a cara lle defende o cu, pero pódovos asegurar que é a mellor escolla de vida que puiden facer xamais.

● Tamén, en contextos:

Ser # Estar feito á/a machada && Ser # Estar feito a/ó machado && Ser # Estar feito á brosa

● E mesmo tamén, nalgún contexto, xa que incide máis ben en que se trata dunha persoa non agradable á vista por ser desgairada, loubana, bandalleira e/ou desamañada:

Ser un bolo cru

NOTAS:

1. A expresión (ser dos que) destetar un meniño úsase, tal e como se recolle no traballo “Botando unhas liñas no mar do Morrazo” (véxase a biografía), para se referir a unha persoa que produce “unha impresión desagradable por ser fea ou ruda”.

2. As locucións á/a machada, a/ó machado e á brosa teñen un emprego máis amplo có aquí referido, pois dan conta de que algo se fai, ou está feito, con pouco primor, de xeito basto, de xeito pouco elaborado ou pouco traballado (o que se viría a corresponder, nesta acepción, coa locución castelá a machamartillo, tal e como veremos no seu día).

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 179-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Lugrís Freire, Manuel: Gramática do idioma galego (2ª edición, corrixida e aumentada). A Coruña, Imprenta Moret (Galera, 48), 1931.

- Martíns Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XXVI/80, pp. 287-306. Ano 1971.

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María Rosario: “Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 97-123. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta