Adeus Berrogüeto

Berrogüetto anunciou onte a súa disolución e a súa xira de despedida. Tras dezaoito anos de carreira, cinco grandes discos e uns cantos concertos memorables Berrogüetto despídese con elegancia e cun sorriso, un xeito de expresar a satisfacción pola súa achega decisiva á construción do proxecto da música galega de entre séculos.

Por Manuel Bragado | Vigo | 09/02/2014

Comparte esta noticia
 Desde aquel primeiro Navicularia quedei prendido a Berrogüetto, a quen hai doce anos (o 27 de xaneiro de 2002) dediquei un artigo con motivo da publicación de Hepta, o seu terceiro traballo. Penso que hoxe paga a pena recuperalo (actualizando algún dato e engadindo un par de enlaces de youtube) como a mellor homenaxe que eu podo facer ao grupo vigués. Non faltaremos nalgún dos concertos de despedida. Gaiteiros!!!
 
Teño un remedio que me funciona cando ando triste ou melancólico: escoitar «Vilalbalcán II», unha muiñeira do «Choqueiro», un gaiteiro de Cangas, recuperada por Berrogüetto no seu primeiro disco, «Navicularia». Esta muiñeira é capaz, en a penas cinco minutos, de levantarlle o espírito a alma máis encollida e de amosar a potencia creativa dunha reinterpretación contemporánea das melodías da nosa música tradicional. Os temas e as cantareas de Berrogüetto son un eficaz antidepresivo e unha mostra da modernidade da creación cultural en Galicia.
 
Algúns compoñentes de Berrogüetto xa formaban parte de Matto Congrio, un grupo que cun só disco, publicado hai case dez anos [ agora vinte], marcou un punto e á parte na historia do noso folk. Naquel álbum, Anxo Pintos, o virtuoso multinstrumentista do grupo e profesor de zanfona da Universidade Popular de Vigo, arriscaba o seu coa composición doutra muiñeira reinterpretada na forma de «Gaseadas formas globulares» e cunha peza moi algareira e case jazzística, «Crisol de insectos imposibles», pequenos paquetiños sonoros con ás e recubertos de quinina.
 
Despois de só tres discos [finalmente foron cinco], e cunha traxectoria sempre innovadora e orixinal, cada un dos temas de Berrogüetto constitúe unha pequena alfaia sonora labrada por sete alquimistas de soños, por sete navegantes que viaxan en cada disco ou en cada concerto en directo, onde sempre son tan sútiles como enérxicos, polos océanos musicais máis diversos (intelixentes que son, ningún mar sonoro lles é alleo); por sete músicos de sal que aproan a súa nave entre a beleza dos ritmos da muiñeira, do vals, da polca, do alalá… e as linguaxes contemporáneas, nunha viaxe no tempo e no espacio no que non perden nin unha miga da súa raíz galega. A calidade instrumental de cada un dos seus compoñentes, a rigorosidade compositiva e a capacidade permanente de asumir riscos creativos, cunha teimosía permanente por atopar un novo horizonte para a música galega, fan de Berrogüetto unha das representacións máis acaídas da expresión da identidade cultural galega moderna, desa fantasía de traducir a tradición milenaria na expresión do noso tempo. Como sucede noutros casos, o traballo de Berrogüetto é máis recoñecido internacionalmente ca no seu propio país. A BBC retransmitiu en directo algún dos seus concertos, realizan xiras por Alemaña, Francia e o Reino Unido, sendo considerados pola crítica como un dos grupos de «world music» máis importantes do mundo.
 
A aparición de «Hepta», o seu terceiro traballo, constitúe outro fito senlleiro na traxectoria tan vangardista como discreta desta banda, á que tanto lle gosta xogar cos conceptos e as palabras. Un álbum –premiado como o mellor disco do ano polo xornal «La Opinión da Coruña»– onde o número sete (hepta en grego), máxico por excelencia, serve de fío conductor de toda a proposta creativa. Un proxecto multidisciplinar que arrinca da reflexión sobre esta cifra cabalística: sete son os compoñentes do grupo, sete as notas coas que traballan, sete as cores do arco da vella, sete as belas artes, sete foron os intérpretes de música tradicional de sete lugares diferentes do mundo, cada un deles cun instrumento característico do seu país, que participaron no disco. Un proxecto no que contaron coa colaboración de Georges Rousse (un artista francés que mestura nas súas creacións a pintura, a escultura e a fotografía traballando sobre espacios abandonados para transformalos en lugares irreais) e do Centro Galego de Arte Contemporánea para desenvolver o coidadísimo traballo gráfico do álbum, deseñado por Quim Alborés. Un traballo visual que Rousse e a banda desenvolveron durante sete xornadas nas vellas factorías de Sargadelos como unha proposta para poñer en valor a idea reindustrializadora que precisamos.
 
O resultado deste proxecto é un ábum que recolle en sete+ seis temas unha síntese da poética musical desta banda viguesa. Á riqueza tímbrica dos álbumes anteriores, engádense agora novas formas de sonoridade que o grupo integra co virtuosísmo ao que nos ten afeitos; ás melodías tradicionais, súmase á forza rítmica excitante que imprimen as guitarras, nunha proposta de vontade moi innovadora. Un álbum excepcional para saborear ata o final e que os pacientes poderán gozar con sorpresa incluída.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA