A Xunta xestionará 100 millóns de fondos europeos para vivenda e destaca a execución do pacto social

O BNG denuncia o "colapso total" do rexistro de demandantes de vivenda protexida.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2021 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O Goberno galego xestionará máis de 100 millóns de euros en distintos programas de vivenda procedentes dos fondos europeos de recuperación e destaca o avance do 'pacto social' nesta materia, a folla de ruta ata o ano 2025, co 71 por cento das súas medidas en execución.

Así o trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa comparecencia na Cámara galega, en resposta a unha interpelación parlamentaria. A deputada Ánxela Fernández, do BNG, denunciou o "colapso total" do rexistro de demandantes de vivenda protexida, con 15.000 unidades de convivencia inscritas e preto de 50.000 familias en espera, algunhas "durante anos e mesmo décadas".

Sobre todo, lamentou que Galicia siga "coa mesma cifra" cinco anos despois do Plan de Vivenda, que constata "o fracaso rotundo das políticas do PP" nesta materia e que a Xunta mantén a unha "conselleira negacionista da realidade", en alusión aos propia Ángeles Vázquez, tras recortar dous terzos dos orzamentos de programas de acceso a vivenda do bipartito.

"Hai que multiplicar os orzamentos e impulsar o parque público de vivendas en cifras similares ao contexto europeo", advertiu, para censurar ademais os criterios para distribuír estes recursos e a falta de "políticas de discriminación positiva" para rendas baixas e para as persoas máis necesitadas nos programas de autonómicos, especialmente en réxime de aluguer.

En resposta, Vázquez lembrou que as políticas da Xunta neste ámbito están fixadas nunha folla de ruta que conta coa aprobación e "consenso" de todos os representantes do sector, o Pacto social pola vivenda 2021-2025, que tivo como precedente o Plan Rehavita 2015-2020 e que conta co 71 por cento das súas medidas en execución.

Así, defendeu que desde o ano 2010 adxudicáronse un total de 3.500 vivendas de promoción pública, concedéronse máis de 17.500 axudas ao aluguer, que suman un investimento superior aos 34 millóns de euros; e concedéronse 2.920 bonos de aluguer social e bonos de aluguer para vítimas de violencia entre 2015 e 2021.

En materia de rehabilitación, actuouse en 162 vivendas municipais por importe de 6,3 millóns desde 2017 e 117 infravivendas, ás que se suman as 96 axudas concedidas a promotores para a construción e rehabilitación por importe de 5,9 millóns.

Tamén desde 2018 facilitáronse máis de 430 axudas para adquirir unha vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes, que suman un importe de 3 millóns de euros; e preto de 50 axudas para compra en centros históricos por máis de 700.000 euros

FONDOS EUROPEOS

Sobre os fondos europeos, Vázquez lembrou que o Goberno galego presentou alegacións ao Real Decreto que regula estas achegas co fin de "de incrementar as contías e as porcentaxes que se recollen", ante a necesidade de revisar ambos os aspectos para que sexan efectivos, adáptense á realidade de Galicia e animen ás comunidades, ou propietarios individuais presentar unha solicitude.

Outra das demandas trasladadas por Galicia é que estas se realicen en base ás figuras e aos programas que existen na actualidade, como as áreas 'Rexurbe' ou as áreas de rehabilitación integral (ARI), co fin de axilizar a tramitación.

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, no pleno do Parlamento. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, no pleno do Parlamento. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta