Comeza o proceso participativo para elaborar a estratexia de dinamización do sector da carne de Galicia

Farase "de forma consensuada con todos os axentes implicados".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/09/2021 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

A Xunta iniciou o proceso participativo para elaborar a estratexia de dinamización do sector da carne de Galicia "de forma consensuada con todos os axentes implicados". O conselleiro de Medio Rural, José González, xunto ao director xeral de Gandaría, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luís Cabarcos, presidiu a reunión con gandeiros e representantes das industrias, das cadeas de distribución e das asociacións e organizacións profesionais agrarias.

Carne de boi
Carne de boi | Fonte: Concello de Allariz.

A estratexia, segundo apunta a consellería, confeccionarase coa colaboración da Fundación Juana de Veiga, como xa aconteceu coa do lácteo e a do viño. Por iso, no acto tamén estivo o director desta entidade, José Manuel Andrade.

Respecto diso, o conselleiro reivindicou "a calidade que define" o sector cárnico galego e apuntou á necesidade de "consolidalo" garantindo a substitución xeracional á fronte das explotacións rendibles, así como mediante a mellora do nivel de transformación e a xeración de valor engadido en todos os elos da cadea.

Nun contexto de potenciación de selos de calidade como a IXP Tenreira Galega, José González considerou "clave" avanzar cara a unha produción sustentable que aposte polo benestar animal e por sistemas "respectuosos" como a produción en extensivo.

O proceso de diálogo que este mércores comeza busca promover o debate, a reflexión e a participación dos axentes en todas as fases de elaboración da estratexia, sinala Medio Rural.

Segundo o departamento, é preciso contemplar medidas nos ámbitos da produción, a industria, as marcas de calidade, o consumo e os mercados, as relacións ao longo da cadea de valor, a formación e innovación e as políticas europeas como a PAC.

Na cita estiveron tamén representados os matadoiros e consellos reguladores das IXP Carne de Vacún de Galicia e Lacón Galego, así como o de agricultura ecolóxica, xunto ás universidades de Santiago e Vigo e entidades como o Centro Tecnolóxico da Carne e Xenética Fontao.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta