Un dedo para esmagar

De entre as moitas e moi xeniais tiras de Mafalda, lembro hoxe unha moi en especial: aquela na que Mafalda fai unha figuriña de plastilina con forma humana (como se fose unha Deusa Demiurga Todopoderosa) e logo vai e a aplasta cun dedo cunha certa cara de sádica. Mafalda, despois de esmagala, falaba do doado que é xogar coa vida da xente. E sempre me pareceu que aí Quino explicaba moi ben a fraxilidade das persoas cando estamos sometidas a un poder máis grande, sexa divino ou, como é o caso do que quero dicir, as leis dun Estado que parece que odia ás persoas.

Por Francisco Castro | Vigo | 13/02/2014

Comparte esta noticia
Ese dedo que nos aplasta é o goberno neoliberal (non só o de Rajoy: é o dedo de todos os que nos dominan en nome do diñeiro) xogando con  nós, esmagándonos cando lles peta, lles convén ou, simplemente, esmagándonos por puro desleixo. Porque eles toman decisións e alguén morre no terceiro mundo de fame. Eles toman decisións e alguén queda sen bolsa de estudos. Eles toman decisións é alguén é botado á rúa perdendo a súa casa. Eles toman decisións e alguén queda sen acceso aos medicamentos que lle fan a vida máis doada ou, simplemente, a vida. Eles toman decisións e algunha muller queda máis desprotexida fronte da violencia machista. Eles toman decisións e algún velliño ou velliña ve o final da súa vida condeado á desesperanza e á inseguridade. Eles toman decisións e alguén perde os aforros de toda a vida. Eles toman decisións e a impunidade dos que, precisamente, toman todas as decisións, quedan garantidas.
Imaxino que é consustancial a quen exerce o poder (pero non debería) sentirse, precisamente, poderoso, saberse coa capacidade de erguer o dedo para aplastar a quen sexa sabendo que a quen ten ese dedo esmagador non lle pasa nada sexan cales sexan as consecuencias. Mais, como digo, non debería de ser así, e teriamos que ver o xeito de inventarnos mecanismos para que quen abusa non saia indemne. Tendo claro que, cando aquí digo "abusar" estou a referirme, sen máis, a lexislar mal, a non ter en conta as necesidades da xente ou, simplemente, a actuar dun xeito irresponsable.
 
Porque non se pode xogar coa educación da xente, nin coa sanidade, nin coas pensións, nin, en definitiva, con todo iso que fai a vida digna. Non debe haber dedos esmagadores.
 
Se cadra, mans sempre tendidas. Que para iso os poñemos aí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro