Constituída por 17 expertos unha comisión de seguimento da estratexia "Por unha Atención Primaria vertebradora"

Formalizouse na reunión do pasado mércores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2021 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade constituíu a comisión de seguimento da implantación da estratexia 'Por unha Atención Primaria vertebradora do Sistema de Saúde', que está formada por 17 expertos. Segundo informou este xoves nun comunicado de prensa a Consellería de Sanidade, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, presidiu na tarde deste mércores pasado a reunión na que foi constituída esta comisión.

Sanidade explica que esta comisión de seguimento terá como obxectivo "a avaliación continua da implantación por parte da Consellería da estratexia 'Por unha Atención Primaria vertebradora do Sistema de Saúde" que, destaca, representa, xunto ao Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, "o marco sobre o que se sosterá o novo modelo a desenvolver neste nivel asistencial".

Entre as funcións encomendadas á Comisión de Seguimento, Sanidade destaca a avaliación do plan de implementación "focalizándose nas medidas urxentes a establecer para mellorar a carga asistencial identificando os dispositivos máis frecuentados", a xestión da demanda, as axendas de calidade, a accesibilidade na atención, a substitución xeracional, a distribución xeográfica dos recursos asistenciais, a autonomía na xestión dos centros por parte dos xefes/coordinadores de servizo e a capacidade formativa e investigadora en atención primaria.

Así, os seus membros proporán, en caso de ser necesario, apunta Sanidade, "as medidas correctoras que sexan necesarias para unha adecuada implantación das accións organizativas ligadas ao novo modelo", valorando tamén, engade, "alternativas que melloren tanto a dotación de recursos como a competencia profesional".

"INDEPENDENTE"

Ademais, na reunión deste mércores, López Pardo trasladou aos membros desta comisión a posibilidade de contar con "o apoio de sistemas de indicadores corporativos, enquisas de satisfacción" e unha ferramenta innovadora para abordar a xestión da información sanitaria (Hexin), así como os datos clínicos ou epidemiolóxicos.

Esta "comisión independente", resalta Sanidade, está formada por 17 expertos, entre os que se inclúen médicos de familia, pediatras, persoal de Enfermaría e membros da universidade, todos eles, matizan as mesmas fontes, "nomeados polo Servizo Galego de Saúde de acordo coa súa contrastada traxectoria científica e profesional".

Reunión da Comisión de Seguimento da implantación do documento estratéxico 'Por unha Atención Primaria vertebradora do Sistema de Saúde'.. XUNTA
Reunión da Comisión de Seguimento da implantación do documento estratéxico 'Por unha Atención Primaria vertebradora do Sistema de Saúde'.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta