A Mesa denunciará na UE a denegación de axudas do Goberno central ao Concello de Cambados por usar o galego

"Non é a primeira vez que se dá esta situación", advirte a entidade en defensa da lingua.

Por Galicia Confidencial | Compsotela | 30/09/2021 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia que denunciará perante o Consello de Europa a vulneración reiterada da Carta Europea das Linguas por parte do goberno español e pide o posicionamento claro e rotundo do presidente da Xunta, “defendendo a dignidade colectiva do pobo galego e o dereito a usar a nosa lingua", despois de que o Ministerio de Transición ecolóxica veña de denegarlle unha axuda ao Concello de Cambados por usar a lingua galega. "Non é a primeira vez que se dá esta situación", advirte a entidade en defensa da lingua, xa que o mesmo Ministerio lle ten denegado previamente axudas a Santiago, Santa Comba e Teo polo uso do galego.

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, amosoulle a súa solidarieade ao Concello de Cambados e trasladoulle o apoio da entidade perante a "coacción" do Ministerio, que "mutila un artigo da Lei de procedemento administrativo para coaccionar persoas e administracións para que deixen de usar unha lingua oficial". Maceiras recorda que “o Goberno ten que actuar e eliminar as persoas galegófobas da Administración, ademais de condenar un xesto de desprezo, coacción e chantaxe” e pide que o presidente da Xunta se posicione "clara e rotundamente" na defensa da “dignidade colectiva do pobo galego e o dereito a usar a nosa lingua, tamén na administración municipal”.

O traballo que desenvolve a Mesa a través da Liña do Galego ten conseguido nos últimos meses que se emendaran algúns comportamentos e políticas lingüísticas de empresas e administracións públicas, como o actual cambio na aplicación É-Saúde, a App Radar Covid, os parquímetros da zona ORA do Concello de Vigo, a aprobación da ordenanza de normalización lingüística do Concello da Coruña ou os informes emitidos polo Consello de Europa. As persoas que o desexen poden porse en contacto coa Liña a través do número 981 563 885, do correo-e linhadogalego@amesa.gal  ou da app A Liña do Galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta