Sánchez sitúa a chegada do AVE a Ourense en decembro

Suporá "un aforro de case unha hora e media no traxecto desde Madrid", destaca o presidente do Goberno central. Feijóo responde que "falta por coñecer" o "tempo de conexión real" coa capital española.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/10/2021 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, destacou este venres que a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Pedralba de la Pradería (Zamora) e Ourense entrará en servizo "moi pronto", no próximo mes de decembro.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS-EUROPA PRESS.

Durante a clausura do Foro A Toxa-Vínculo Atlántico, o presidente do Executivo central resaltou que "o AVE a Galicia vai ser unha realidade", o que subliñou que levará "un aforro de case unha hora e media no traxecto de Madrid a Ourense".

Neste sentido, sinalou que "moi pronto Galicia vai quedar conectada por alta velocidade ao resto do país". En concreto, explicou que "en decembro" se vai pór en funcionamento o tramo comprendido entre Pedralba e Ourense.

Pedro Sánchez confirmou deste xeito que o último tramo en obras da liña ferroviaria que permitirá conectar con Madrid mediante a alta velocidade e que consta de 120 quilómetros entrará en servizo antes de que finalice 2021.

RESPOSTA DE FEIJÓO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou que "se confirme" a próxima entrada en funcionamento do servizo alta velocidade que conectará Galicia e Madrid, pero remarcou que "falta por coñecer" o "tempo de conexión real" entre as cidades galegas e a capital española.

O titular do Executivo galego destacou que o anuncio de Sánchez representa a "confirmación" do compromiso trasladado polo que fora ministro de Transportes, José Luís Ábalos, respecto da entada en funcionamento do servizo de alta velocidade durante este ano.

Deste xeito, Feijóo sinalou que "se confirma" que Galicia "poderá estar en igualdade de condicións que Levante, Cataluña, Andalucía, as dúas castelas, Valencia e o resto de comunidades", e valorou que se ratificou que os prazos trasladados por Ábalos eran aqueles "nos que o Goberno estaba a traballar".

En todo caso, recalcou que falta por coñecer "o tempo de conexión real" entre Galicia e Madrid dado que se precisa dun "material rodante que se está construíndo e que faga un cambio de ancho de vía, de ancho ibérico a internacional".

Neste sentido, advertiu de que sen a entrega deste material, cuxa data incidiu en que non foi trasladada polo Goberno, "non se poderán cumprir o tres horas desde todas as cidades" á capital.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta