Os traballadores de Vestas manifestaranse o martes en Santiago

Será na véspera da nova reunión que a empresa ten convocada para abordar o ERE.

Por Europa Press / Redacción | Viveiro | 01/10/2021 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

O comité de Vestas Viveiro (Lugo) convocaron unha manifestación para o vindeiro martes día 5 ás 15,00 horas en Santiago, onde marcharán desde o centro comercial As Cancelas ata a sede da Xunta en San Caetano.

Un home sostén unha bengala nunha concentración de apoio aos traballadores da fábrica de Vestas en Viveiro polo peche inminente da planta, na praza do concello, a 25 de setembro de 2021
Un home sostén unha bengala nunha concentración de apoio aos traballadores da fábrica de Vestas en Viveiro polo peche inminente da planta, na praza do concello, a 25 de setembro de 2021 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Será na véspera da nova reunión que a empresa ten convocada para abordar o expediente de regulación de emprego (ERE) vinculado ao peche da planta, que prevé executar a finais de ano.

Os traballadores, que esta semana se desprazaron xa a Compostela para reunirse cos grupos parlamentarios coincidindo co debate da súa problemática no pleno da Cámara, tentan paralizar o período de consultas do ERE, que a compañía deu por aberto o pasado martes.

Previamente, o luns, a Xunta acordou co comité constituír unha mesa industrial á que convidan a representantes da firma e do Goberno central, coa finalidade de atopar alternativas ao peche da factoría.

No pleno do Pazo do Hórreo, o PSdeG urxiu ao Goberno galego a reunir a mesa industrial, mentres que o BNG pide "actuacións inmediatas para salvar" a fábrica.

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, subliñou o mércores que o Goberno galego "non pode estar máis en contra" do anuncio de peche da planta de Vestas en Viveiro, pero é algo que achaca á política enerxética do Executivo central.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta