O BNG propón ampliar horarios na hostalaría e lecer nocturno ata a hora de peche fixada nas súas licenzas

O nacionalista Daniel Pérez considera que os establecementos "son igual de seguros pechando ás 1,00 horas que ás 2,30 horas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2021 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a establecer o horario límite de peche ao público dos locais de hostalaría e lecer nocturno ata a hora fixada nas súas licenzas de apertura, a condición de que cumpran coas medidas fixadas no protocolo o Plan de Hostalaría Segura de Galicia e coas que se fixen no seu momento para o lecer nocturno.

O portavoz nacionalista de Emprego e Turismo na Cámara galega, Daniel Pérez, pide ao Goberno galego que teña en conta o "novo escenario" marcado por niveis de transición covid-19 "similares aos alcanzados despois do confinamento, coa diferenza positiva de que os índices de vacinación son moi altos, cunha maioría da poboación galega coa pauta completa".

Por iso, considera que "carece de sentido" a limitación horaria ás 1,00 horas (e ás 23,00 horas no caso do nivel de seguridade) establecida no novo plan de hostalaría segura aprobado a medidos de setembro. "Se os locais cumpren, tanto se están nun como noutro dos dous niveis establecidos no novo plan, coas medidas sanitarias que garanten que eses negocios son espazos seguros, non parece moi lóxico non permitirlles traballar ata a hora de peche fixada", cuestiona.

Tras iso, Daniel Pérez incide en que se os establecementos alcanzan o recoñecemento de locais seguros segundo os requisitos establecidos pola Xunta "son igual de seguros pechando ás 1,00 horas que ás 2,30 horas". "Coa diferenza de que sen a restrición horaria poderían facturar durante unhas horas máis", apunta.

Esta cuestión, para o deputado nacionalista "non é menor" dada a "delicada situación económica" pola que pasan moitos destes negocios e ante o "grave impacto" que sufriu o sector da hostalaría, e de forma especial, o lecer nocturno, ao que pide extrapolar a mesma ampliación de horarios ata a hora de peche fixada na licenza de apertura.

Así, o parlamentario do BNG apela á necesidade de adaptar as medidas sanitarias á realidade do momento nun dos sectores máis prexudicados pola pandemia e que estivo sometido a diferentes medidas restritivas na súa actividade que "non foron acompañadas durante meses de axudas directas tendientes a compensar as perdas ocasionadas por estas restricións".

O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Daniel Pérez. BNG
O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Daniel Pérez. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta