O Consello da Cultura apunta unha "recuperación" do sector: o 66% das empresas ten actividade "normal"

As compañías en ERTE caeron case un 20% entre xaneiro e xullo de 2021, mentres que os cesamentos de actividade baixaron do 61,4% ao 4,3%.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 01/10/2021 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

Un estudo elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG), sobre a afectación da pandemia da covid-19 ao sector, apunta a que "segue avanzando cara á recuperación", co 66% das empresas desenvolvendo unha actividade "normal" en xullo de 2021, un 12% máis que en xaneiro deste mesmo ano.

De acordo coa terceira edición do 'Barómetro da Cultura Galega', o 82,3% das compañías contaban o pasado xullo co seu cadro de persoal activo. Con todo, o 12,7% das empresas enquisadas continuaban cun ERTE activo.

Ademais, o estudo constata que continúan en aumento o número de empresas que xa non adoptan medidas para afrontar as dificultades creadas pola pandemia. En xullo do 2020 eran o 5%, unha proporción que subiu ao 24,9% en xaneiro de 2021 e que en xullo deste ano ascendía ao 50,7%.

As cifras reflicten tamén unha redución no teletraballo, xa que, aínda que ten "unha valoración moi positiva", xa "só aplícase nas empresas que máis facturan e nas do ámbito audiovisual": pasou de empregarse no 37,3% ao 22,3%.

Outras medidas adoptadas son os ERTE --nun ano, pasaron de aplicarse no 38,6% ao 12,7%--, o establecemento de quendas ou modificacións do horario laboral --do 27,4% de xullo de 2020 ao 11,3% de xullo de 2021-- ou a redución de actividade --do 36% ao 11%--.

Pero a medida que experimentou unha caída maior desde a primeira onda ata a terceira da pandemia foi o cesamento de actividade: do 61,4% ao 4,3%.

Con todo, o estudo do Consello da Cultura advirte das "diferenzas" que hai no propio sector, xa que as artes escénicas continúan sendo as máis afectadas, cun 20% das compañías sen ningún tipo de actividade.

FACTURACIÓN

En canto á facturación, o terceiro barómetro tamén apunta a un "indicio de recuperación". Así, no último ano analizado --de xullo de 2020 a xullo de 2021--, as empresas con perdas de máis do 75% con respecto ao 2019 pasaron do 37,6% ao 9%.

No entanto, a facturación na primeira metade de 2021 "aínda se ve moi afectada" pola crise sanitaria: o 75,7% das enquisadas segue ingresando menos que en 2019 e un terzo delas relata perdas de máis do 50% con respecto ao mencionado ano.

Entre os problemas máis citados polas compañías, seguen estando o cesamento ou caída da clietela (74,7%) e as dificultades de tesouraría (38%), pero os dous afectan "en menos medida" no último período analizado, de xaneiro a xullo de 2021.

Aínda que con menos incidencia, as empresas tamén mencionan as dificultades para pagar impostos e seguros sociais, os problemas de distribución, a inseguridade xurídica e a falta de financiamento. Así mesmo, só hai dúas dificultades lixeiramente máis estendidas agora que en xaneiro: a carencia de subministracións e de medidas de seguridade e hixiene.

Teatro con protocolo anticovid / Europa Press. / Europa Press
Teatro con protocolo anticovid / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta