Así están as infraestruturas sanitarias: inundado con augas fecais o PAC de Baltar (Portonovo)

Solicitan á Xerencia de Área de Pontevedra que peche e reubique o PAC (de forma transitoria) ata a resolución completa do problema.

Por Galicia Confidencial | Portonovo | 03/10/2021 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

Na madrugada do sábado para o domingo, a coincidencia de choiva con pleamar volveu propiciar a inundación do PAC de Baltar (Portonovo) con augas fecais polo asolagamento dos sumidoiros."Desta vez, o cheiro era insoportable", denuncian desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo.

Pac de Baltar inundado
Pac de Baltar inundado | Fonte: Plataforma de Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo

Tras alertas aos bombeiros, a situación púxose en coñecemento da  área de xestión de Pontevedra-Salnés. Durante o tempo que durou esta situación de desbordamento e a posterior limpeza, o PAC estivo inhabilitado.

Nun comunicado, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo considera que esta "recurrente situación require unha actuación urxente" por parte da administración pública. Tamén insta ao Concello de Sanxenxo a que revise e acondicione os sumidoiros da 

zona "xa que todo apunta a que o problema reside na saturación das arquetas con máis emisarios e caudal do que poden xestionar".

"E, dado que estamos comezando a época de choivas e todo indica a que volverán a reproducirse estas insalubres inundacións na zona do PAC, solicitamos á Xerencia de Área, sen máis demoras, a que peche e reubique o PAC (de forma transitoria) ata a resolución completa do problema", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta