Galicia viviu un setembro máis cálido do habitual, até 2,3 graos por enriba do normal na comarca da Coruña

A temperatura media foi 0,86 graos por enriba do esperado.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/10/2021 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

Galicia puxo fin ao verán cun mes de setembro caracterizado por temperaturas medidas lixeiramente máis altas do habitual e unhas precipitacións que se moveron en valores dentro da normalidade. Así se desprende do avance do último informe climatolóxico de Meteogalicia.

Plantacións de faba fresca, a 23 de setembro de 2021, en San Adriano de Lourenzá, Lugo
Plantacións de faba fresca, a 23 de setembro de 2021, en San Adriano de Lourenzá, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

O período estivo marcado pola alternancia entre episodios anticiclónicos e a entrada dalgunha treboada e das primeiras borrascas da tempada, algo propio do inicio do outono.

A característica máis destacable do mes foi a temperatura, cun valor medio 0,86 graos por enriba do normal, un dato no que influíron sobre todo os valores das máximas, moi cálidas para esta época do ano e que foron matizadas en parte polas mínimas, que se moveron en xeral en valores habituais.

En todo caso e tendo en conta o período de referencia 1981-2010, o comportamento do pasado mes de setembro ten un precedente moi recente, xa que o ano pasado a anomalía media da temperatura foi de 0,88 graos máis.

En canto ao comportamento por zonas, houbo importantes contrastes dentro do país. Mentres en Lugo e nas dúas provincias atlánticas as temperaturas medias rexistraron variacións positivas en comparación cos valores habituais nesta época do ano, no sur da provincia lucense e gran parte da de Ourense as anomalías foron incluso negativas.

Así, os datos máis elevados rexistráronse na comarca da Coruña --ata 2,3 graos por enriba do normal-- mentres que os máis baixos detectáronse na Baixa Limia, onde quedaron 1,1 graos menos que a media histórica.

PRECIPITACIÓN ACUMULADA

Por outra banda, atendendo aos valores das estimacións máis representativas, setembro foi un período normal en toda Galicia, cunha precipitación media acumulada de 82 litros por metro cadrado.

En concreto, en comparación co período histórico de referencia, choveu apenas un 5% menos dos esperado e, de feito, as porcentaxes de precipitacións rexistradas o mes pasado foron moito máis baixas que nos catro anos inmediatamente anteriores.

Por áreas xeográficas, as maiores precipitacións rexistráronse na comarca coruñesa do Xallas, con valores próximos aos 287 litros por metro cadrado. Polo contrario, os rexistros máis baixos concentráronse sobre todo no litoral da Mariña lucense e nalgunhas localidades das comarcas de Chantada (Lugo) e A Limia (Ourense), onde apenas se superaron os 20 libros por metro cadrado.

De feito, a distribución das precipitacións foi moi heteroxénea en toda Galicia debido en gran parte aos episodios treboentos que marcaron o mes. En Cedeira, por exemplo, choveu un 71% menos do habitual, mentres que en varias localidades da comarca de Valdeorras rexistráronse precipitacións uns 116% superiores ao valor climáticode referencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta