As cifras de asistencia no Ourense Filme Festival 2021 foron próximas á edición previa á pandemia

"O público participou masivamente nas votacións das películas", dixo Baltar, que afirmou que o 87,7 % cualificaron o que viran cunha nota media de 3,8 sobre 5.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2021 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

A organización do Ourense Filme Festival 2021 fixo balance da vixésimo sexta edición da cita, na que o certame recuperou cifras de asistencia "próximas ás da edición previa á pandemia".

No Centro Cultural Marcos Valcárcel, o director do festival, Miguel Anxo Fernández; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, trasladaron as conclusións do balance da edición deste ano, clausurada o fin de semana.

"Houbo unha resposta incrible por parte do público, mellor que no 2018", expresou Baltar, que incidiu que as cifras estiveron "moi preto das do 2019, a mellor edición en canto a público de todos os festivais celebrados ata a data".

Así, un total de 9.300 persoas asistiron ás actividades, das cales máis de 6.150 foron espectadores das proxeccións. "O público participou masivamente nas votacións das películas", dixo Baltar, que afirmou que o 87,7 % cualificaron o que viran cunha nota media de 3,8 sobre 5.

"Ourense foi durante estes días o centro do debate, da reflexión e do negocio do mundo audiovisual galego", destacou, antes de apuntar a que xa comezan a "verse os froitos da alianza" coa Academia Galega do Audiovisual.

Neste sentido puxo de relevo a importancia de traballar en novos proxectos que se roden en Ourense. Nesta edición, tanto a película de inauguración do festival como a de clausura foron gravadas na provincia; 'Malencolía' e 'Life is Live'.

Ademais, lembrou que de case 30 producións realizadas na historia do cinema da provincia a terceira parte delas foron rodadas nos últimos anos, co apoio do goberno provincial "para transformar o territorio nun gran estudio de cinema".

A AUDIENCIA

En canto á recepción por parte do público, Baltar destacou que desde que a deputación asumiu a organización do festival "alcanzouse unha gran visibilidade a pesar de haber atravesado un dos peores momentos da historia do certame coa pandemia". Deste xeito, a organización puxo de manifesto que os invitados sitúan o festival a nivel nacional coas súas visitas como o caso do director e escritor, Gonzalo Suárez, ou o actor madrileño José Coroado.

Así mesmo, notaron un "incremento notable" da mocidade na sala e "un liderado indiscutible" da edición no impacto mediático grazas ao seguimento de cadeas nacionais pero tamén internacionais como de Portugal ou México. Uns datos que tamén repercutiron na páxina web onde "se incrementou nun 45% o tráfico", aseguraron.

CONSOLIDACIÓN

Pola súa banda, o director do festival, Miguel Anxo Fernández, agradeceu a decisión da deputación de "rescatar" no 2018 o certame e felicitou ao equipo por lograr que se proxectasen as 71 en películas, cumprindo co 100% do programa.

Así mesmo, celebrou o seguimento das distintas televisións, co que se conseguiu chegar a lugares "onde antes non estaban", "é fundamental para sentar as bases do que aspiramos, ser o Festival de Galicia".

Na mesma liña, manifestouse Carmen Leyte, que di sentirse "orgullosa da consolidación" do festival de cinema pero "aínda máis do salto á internacionalidade" coa presenza o ano pasado de Francia e nesta ocasión de Portugal e México

EDICIÓN 2022

"Foi notabilísimo o traballo do equipo organizativo que aínda deixa marxe de superación para que no ano 2022 falemos de resultados aínda mellores", concluíu Manuel Baltar.

Así pois, en vista ao próximo ano, Miguel Anxo Fernández e Manuel Baltar revelaron o cartel de benvida á nova edición, que dará comezo o 23 de setembro.

O anuncio produciuse tan só un día despois de que o Teatro Principal acollese o maratón cinematográfico no que se puideron ver o tres películas gañadoras desta edición; 'Playground', 'Listen' e 'Mediterráneo', que foi a mellor valorada polo público cun 4.64 sobre 5.

José Coronado recibe o Premio OUFF Televisión 2021, en Ourense
José Coronado recibe o Premio OUFF Televisión 2021, en Ourense | Fonte: OUFF.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta