Ana Pontón pide rebaixar o IVE do peixe ao 4%, como o pan ou o arroz

Insta ao Goberno a baixar o imposto polo impacto "positivo" da cesta na compra e a industria pesqueira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2021 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao Goberno de España a rebaixar o IVE do peixe, do 10 ao 4 %, e sinalou que esa medida tería un impacto positivo tanto a nivel social, no prezo da cesta da compra, como económico, polo apoio ao complexo mar-industria, estratéxico en Galicia.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, antes de realizar unha visita á feira Conxemar, que se celebra no Instituto Feiral de Vigo, e onde acudiu acompañada pola deputada nacionalista no Parlamento galego, Carmela González, e pola representante do BNG en Europa, Ana Miranda.

Pontón, que felicitou aos organizadores do certame por dar " o paso" de retomar o evento, subliñou que o peixe é "un elemento central" da dieta, e debe apoiarse á cadea mar-industria, pero tamén facilitar o acceso dos consumidores a este produto.

O vicepresidente de Conxemar, Eloy García; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; a deputada Carmela González; e a representante do BNG en Europa, Ana Miranda, na feira Conxemar 2021.
O vicepresidente de Conxemar, Eloy García; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; a deputada Carmela González; e a representante do BNG en Europa, Ana Miranda, na feira Conxemar 2021. | Fonte: Europa Press

COMO OUTROS PAÍSES DE EUROPA

Por iso, lembrou que o BNG apoia a demanda do sector de rebaixar o IVE do peixe ata o 4 %, seguindo a senda doutros países europeos, e subliñou que esta medida permitiría abaratar o custo da cesta da compra, pero tamén tería un impacto positivo neste sector, e en "unha nación pesqueira como Galicia", onde esta industria ten "un peso tan importante".

De feito, lembrou que os nacionalistas xa levaron ao Parlamento autonómico unha iniciativa nese sentido, que obtivo o respaldo unánime da Cámara, polo que instou ao Goberno "a que tome con decisión esta medida", que suporá "que moitas familias non teñan que prescindir do peixe na súa dieta" e "dáselle respaldo ao sector do mar e do conxelado, fundamental".

Finalmente, Ana Pontón pediu ás administracións que sigan "apostando" por esta industria, pola súa innovación e internacionalización, e pola creación de emprego, para que Galicia poida ter "músculo industrial" neste ámbito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta