Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/10/2021 | Actualizada ás 17:19
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, anunciou este mércores a licitación do proxecto de mellora das urxencias do hospital público de Cee, na área sanitaria da Coruña. Ademais, o seu departamento detallou que este centro mellorará, desde este mes, a súa carteira de servizos coa incorporación de consultas e tratamentos de retina.
Na súa visita ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, Comesaña destacou que tres anos despois da reforma da Lei de Saúde de Galicia levada a cabo pola Xunta e coa que se crearon os distritos sanitarios, "todos os hospitais comarcais existentes en Galicia, os sete, atópanse agora mesmo inmersos en proxectos de mellora".
No transcurso da visita, o conselleiro avanzou que, en próximos días, a Xunta publicará na plataforma de contratos de Galicia a licitación do proxecto de reforma da área de urxencias, para o que se estima un investimento, entre obra e equipamento, de 400.000 euros.
Xunto coa reforma de urxencias, o conselleiro anunciou que o seu departamento porá en marcha neste mes, no Servizo de Oftalmoloxía deste hospital, as consultas de retina médica e os tratamentos intravítreos que afectan á retina. Estará dispoñible todos os martes e os xoves en horario de tarde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.