A USC ofrécese a pagar ata o 90% das tarifas telefónicas do seu alumnado

Forma parte dun programa de axudas que inclúe as xa coñecidas 'bolsas comedor'.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela vén de lanzar unha triple liña de axudas orientada a paliar a situación económica xerada como consecuencia na pandemia entre as filas do seu alumnado. Segundo apuntan dende a institución, as axudas ofertadas afectan tanto ás xa coñecidas como 'bolsas comedor' como aos gastos de internet e de material informático.

Facultade de Económicas da USC
Facultade de Económicas da USC | Fonte: USC

Así, a institución da capital, á parte de poñer a disposición do seu alumnado 200 ordenadores portátiles, 150 routers con conexión a Internet móbil 4G, 90 cámaras web e 500 plans de datos, ofrécese a financiar ata o 90% das liñas telefónicas --fixas ou móbiles-- que contrate o alumnado que cumpra os requisitos establecidos. 

"Serán  subvencionables  os  gastos  de  acceso  a  internet  que  utilicen  as  persoas beneficiarias da axuda; os gastos subvencionables deberán corresponder a unha única liña que poderá ser fixa ou móbil; e unicamente poderá solicitarse unha subvención por persoa beneficiaria", apuntan, antes de sinalar que a contía máxima por cabeza será de 35€ e o período abranguerá dende o 6 de setembro de  2021 ao 15 de xullo de 2022. 

A USC asevera tamén que a presentación de solicitudes para acceder a estas axudas estará dispoñible a través da Sede Electrónica da institución ata as 23.59 horas do xoves 21 de outubro. "O obxectivo é atender solicitudes de axudas para estudantes cunha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente  na  continuidade  dos seus estudos universitarios", recordan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta