Sindicatos reclaman á Xunta constituír unha mesa para abordar "en firme" a situación laboral de Ferrolterra

CIG, CCOO e UGT piden unha reunión urxente co conselleiro de Economía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2021 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

Os secretarios comarcais dos sindicatos CIG, CCOO e UXT en Ferrolterra reclamaron este xoves á Xunta a constitución dunha mesa para abordar a situación laboral neste territorio, para o que pediron a convocatoria dunha reunión urxente co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde. Para iso entregaron a media mañá deste xoves, 7 de outubro, un escrito no edificio administrativo da Xunta en Ferrol, situado na praza de España, onde, ademais, protagonizaron unha pequena concentración.

Así, Manel Grandal, da CIG, incidiu en que lonxe do asegurando polo conselleiro nalgúns foros "non hai ningún tipo de acordo cos sindicatos". "O que hai é un documento base e o que necesitamos é sentarnos para discutir e debater, onde ademais este texto recolle que hai algún asunto que son responsabilidades da propia Xunta de Galicia, pero non temos ningunha resposta", detallou o representante do sindicato nacionalista.

DESMANTELAMENTO INDUSTRIAL

Pola súa banda, José Hurtado, secretario comarcal de CCOO, incidiu en que tiveron " dúas reunións para coñecer esa proposta de Pacto de Estado por Ferrol da Xunta, pero só foi para coller datos". "Non temos nada enriba da mesa, moito proxecto pero nada en firme", sinalou, ao mesmo tempo que incidiu en que "a central térmica das Pontes está como está, As Somozas está parada", en alusión ao peche da planta de Siemens Gamesa.

"E Ferrolterra tamén todos sabemos como está, por tanto, o que pedimos son concrecións a todas as políticas e formulacións sindicais que lles demos", demandou. Por parte de UGT, José Antonio Díaz detallou que esta reunión que volven pedir "xa foi reclamada meses atrás". "E nin se nos contestou", reprochou.

"O Pacto de Estado por Ferrol é un documento base que temos que desenvolver coas achegas que cada un queiramos concretar", comentou. "A pesar de que el diga que estamos de acordo, iso non é certo, xa que coincidimos nalgunhas cousas, pero noutras non", afeou a Conde.

Os secretarios comarcais de CIG, CCOO e UXT en Ferrol coa petición de reunión para abordar a situación laboral en Ferrolterra antes do seu rexistro.
Os secretarios comarcais de CIG, CCOO e UXT en Ferrol coa petición de reunión para abordar a situación laboral en Ferrolterra antes do seu rexistro. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta