Fomoso pide participar nas primarias para que o PSdeG sexa "máis forte" e "poida ser alternativa"

"Cando nos respectamos dentro, tamén nos respectan fóra e así gañamos a confianza da cidadanía", engadiu o candidato á secretaría xeral do PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/10/2021 | Actualizada ás 21:08

Comparte esta noticia

O aspirante á secretaría xeral do PSdeG e secretario xeral do PSOE coruñés, Valentín González Formoso, chamou á participación da militancia nas primarias para lograr un PSdeG "máis forte" e que "poida ser alternativa en Galicia".

Formoso desprazouse este xoves ao sur da provincia de Lugo para manter encontros coa militancia das agrupacións de Monterroso e Chantada, uns encontros dos que informou a súa candidatura nun comunicado.

O dirixente socialista, que destacou a participación da militancia como un dos grandes obxectivos e alicerces principais do seu modelo de partido, avogou por "recuperar a ilusión" e incidiu en que "é posible construír un proxecto alternativo á dereita en Galicia". "Porque Galicia non ten cor política, é de quen a entenda e de quen a atenda", dixo.

Na súa intervención, anunciou que realizará "unha campaña de ideas e propostas, en positivo, e sen confrontacións persoais". "Todos os militantes, todos somos socialistas", asegurou.

Así mesmo, puxo en valor o proceso de primarias do que se dotou o partido hai anos por "dar voz e poder á decisión da militancia", unha "ferramenta democrática que debe servir para contrastar propostas e modelos de partido pero sempre desde o respecto dos compañeiros". "Cando nos respectamos dentro, tamén nos respectan fóra e así gañamos a confianza da cidadanía", engadiu.

O secretario provincial da Coruña e candidato á secretaría xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. PSDEG
O secretario provincial da Coruña e candidato á secretaría xeral do PSdeG, Valentín González Formoso. PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta