Regalos, corrupción e exemplaridade

A opinión pública galega leva varios días revolta pola apertura do sumario da chamada operación Pokemon. Aínda que puidera parecer que a corrupción é un mal sistémico no sistema político galego e español, hai tamén exemplos xurdidos do sumario que dan conta de que non todos os políticos se comportan da mesma maneira.

Por Manuel González L. | Compostela | 18/02/2014

Comparte esta noticia
Por sorte, e porque existen máis medios que os telexornais da TVG, non pasou desapercibido que o alcalde de Teo, Martiño Noriega, e unha concelleira do Partido Popular compostelán, Cecilia Serra, rexeitaron os presentes cos que Vendex os quería agasallar sen vir a conto. Estou seguro que moitos outros políticos teñen actuado de xeito semellante, só que o seu comportamento non está nos rexistros de empresas investigadas como Vendex. Aínda así, diante da crise de credibilidade institucional que estamos a vivir, e porque ademais todos sospeitamos que as prácticas pouco transparentes na xestión da cousa pública están máis presentes do que sería desexable, é moi necesario recoñecer e valorar as actitudes dos que se comportan de xeito escrupuloso, tal e como fixeron Martiño e Cecilia. Dous representantes que, por certo, pertencen a organizacións e culturas políticas moi distintas. 
 
Sobre a corrupción política, é curioso observar como dende posturas tanto de extrema esquerda por unha banda como ultra-liberais pola outra, se fala da mesma como unha cuestión sistémica e inherente ben sexa ao sistema capitalista neoliberal, ben sexa ás institucións públicas per se. Unha vez máis, as ideoloxías totalizadoras que prescinden das arestas coinciden no fundamental. Porén, a corrupción e os abusos de poder non son uns males que afecten só aos representantes públicos nin a determinados partidos ou ideoloxías, por moito que nalgúns casos sexa máis habitual que noutros, son fenómenos bastantes transversais e que lamentablemente están tamén imbuídos na sociedade. Tampouco dependen primordialmente da calidade do aparello xurídico-intitucional, por moito que este sexa importante e requira modificacións, en particular no referido á fiscalización da acción pública e dos partidos políticos. Trátase fundamentalmente dunha cuestión de valores e de convencións sociais, polas cales se penalizan uns comportamentos e se deixan de penalizar outros que sería necesario penalizar. Para mudar iso compre moita pedagoxía e destacar a exemplaridade, tratando de impulsar paseniño unha cultura da transparencia e do mérito na política e na sociedade. O que agora pretende facer o PP de Núñez Feijoo en Galicia, botar man do ventilador para lixar a todas as organizacións políticas, vai no sentido oposto pois reforza o razoamento tantas veces ouvido de que “como todos rouban, polo menos que rouben os meus”. 
 
Dende o punto de vista político, paréceme a min que esta é a nova cultura que debemos pregoar, tanto na xestión do que é de todos como no funcionamento interno das organizacións políticas. Se hai algunha ruptura democrática que pague a pena é esta, o resto son brindes ao sol para pescar en augas revoltas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel González López Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.