Ourense e Pereiro de Aguiar achegan posturas para dar un "impulso definitivo" ás liñas de bus urbano compartidas

Ambos os alcaldes piden á Xunta que autorice o acordo e demandan á Deputación o arranxo da estrada de Montealegre.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 08/10/2021 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o de Pereiro de Aguiar, Luís Menor, reuníronse este venres para achegar posturas e dar un "impulso definitivo" a proxectos en materia de infraestrutura e servizos, entre eles a extensión das liñas de transporte urbano da capital provincial a ambos os concellos.

Autobús urbano do concello de Ourense
Autobús urbano do concello de Ourense | Fonte: Concello de Ourense.

"Foi un encontro frutífero", así definiu Jácome o encontro, no que ambos acordaron que as prolongacións das rutas de autobuses serán as do propio concello de Ourense, mentres que o Consistorio de Pereiro encargaríase de sufragar o custo adicional.

"Falouse de que os autobuses urbanos poden circular uns quilómetros máis para que cheguen ás poboacións de Pereiro de Aguiar e dar un servizo tremendo e fundamental entre ambos os concellos", matizou o rexedor da capital ourensá.

Pola súa banda, Menor catalogou a cita de "impulso definitivo a temas que estaban tratados e maduros", trasladando á súa vez que xa "sabían da vontade e dispoñibilidade" de Jácome para desenvolver este proxecto.

Así pois, ambos os rexedores demandarán á Administración autonómica a ratificación necesaria para facer posible a extensión das liñas. "Debemos pedirlle á Xunta de Galicia unha autorización para ese paso de buses que é de carácter metropolitano", sostivo Jácome.

Ademais, solicitarán á Xunta e á Deputación unha axuda no arranxo da estrada que une ambos os concellos a través de Montealegre, unha vía que, aseguraron, "está moi limitada" pero "ten un alto índice de tráfico ao ser empregada polos traballadores do polígono industrial".

Así mesmo, a reunión serviu para abordar as actualizacións dos límites entre ambos os concellos, un trámite administrativo para unificar e delimitar a fronteira exacta entre ambos que conta co apoio da Dirección Xeral do Catastro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta