A Fiscalía pide 4 anos de cárcere para o exalcalde de Coristanco por favorecer tres empresarios

Está condenado por delitos de prevaricación e falsidade en documento oficial e supostas irregularidades detectadas na contratación de obras públicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2021 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña acollerá o venres día 15 de outubro o xuízo contra o que foi alcalde de Coristanco polo PP durante máis de 20 anos, Antonio Pensado, por supostamente favorecer a tres empresarios que tamén serán xulgados.

En concreto, a Fiscalía pide 4 anos e medio de cárcere e 36 de inhabilitación para o exrexedor por delitos de prevaricación e falsidade en documento oficial, supostas irregularidades detectadas na contratación de obras públicas e na concesión dunha planta de tratamento de lodos.

No escrito de acusación, ao que tivo acceso Europa Press, o Ministerio público sinala que ao longo dos seus 24 anos á fronte da Alcaldía deste municipio coruñés, Antonio Pensado desenvolveu unha "relación moi próxima e estreita" cos propietarios deste grupo de empresas.

Dada esta "estreita relación", considera que a Alcaldía "non dubidou en favorecer a actividade" destas empresas "sen tomar en conta se as decisións tomadas con esa finalidade eran ou non as máis convenientes para o Concello", senón que o "único parámetro en multitude de decisións" pasaba por "a consecución dun beneficio económico" para ese grupo.

Ademais, apunta que o tres empresarios acusados non dubidaron "en solicitar directamente á Alcaldía" a toma de determinadas decisións para lograr beneficios económicos. Precisamente, a estas tres persoas o Ministerio público atribúe delitos de prevaricación continuada e tráfico de influencias, polos que reclama penas que oscilan entre os dous anos e tres meses e os dous anos e catro meses de cárcere.

A Fiscalía lembra que en agosto de 2013 a secretaría municipal, que accedera ao cargo en 2011, interpuxo unha denuncia na que expuña que estaba a ser sometida a "presións" que, ao seu xuízo, respondían a "unhas claras irregularidades na contratación administrativa de obra pública" e "tamén de servizos por parte da dirección" do Concello ao observar que "sistematicamente se estaba beneficiando" ás empresas pertencentes aos citados empresarios. Tras as oportunas dilixencias de investigación.

Entre outras cuestións, o escrito de acusación detalla que de 45 expedientes de contratación de obra pública relativos ao período 2009-2013, o grupo de empresas dos acusados resultou adxudicataria de "30 licitacións", case o "70%" e polas que facturou un total de 2.368.234,89 euros.

ABSOLTO DOUTRO CASO EN XULLO

O que foi alcalde de Coristanco polo PP entre 1991 e 2014 foi absolto o pasado mes de xullo pola sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña de delitos de malversación, prevaricación e fraude con formigón e gasóleo.

Este procedemento correspondíase cunha peza separada e aberta contra o exrexedor a mediados do 2014 por presuntas irregularidades no pago de facturas de material de construción con cargo ao erario público e pola subministración de combustible para a calefacción de instalacións municipais. O xuíz considerou que non quedaba acreditado que o exalcalde obtivese rendemento ilícito.

Antonio Pensado, exalcalde de Coristanco
Antonio Pensado, exalcalde de Coristanco | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta