A colisión dun autobús e un turismo sáldase con dúas persoas feridas en Oleiros

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2021 | Actualizada ás 09:59

Comparte esta noticia

Dúas persoas, un home e unha muller, resultaron feridas na mañá deste mércores nun accidente de tráfico rexistrado entre un autobús e un turismo no termo municipal de Oleiros.

Segundo informou o 112 Galicia, o aviso do sinistro deuno un particular ao servizo de emerxencias uns minutos antes das 7,30 horas. En concreto, alertou da colisión producida na estrada que une Mera coa Coruña, á altura de Arillo, e solicitou asistencia médica para o condutor do coche implicado.

Tras recoller os datos, os operadores do CIAE-112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos servizos sanitarios, dos Bombeiros de Arteixo, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e dos membros do Servizo de Emerxencias de Oleiros.

Foron estes últimos os que, finalmente, indicáronlle ao 112 Galicia que tanto o condutor do turismo como a única pasaxeira do autobús foron trasladados.

En concreto, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias, o 061 enviou ao lugar unha ambulancia de soporte vital básico que trasladou ao Hospital A Coruña ao home ferido, D.N.C., de 40 anos, e ao Quirónsalud á muller, R.S.S., de 54 anos.

Accidente
Accidente | Fonte: remitida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta